Tres días do mellor fútbol praia europeo en Silgar e pola cara

Sanxenxo
07 de xullo 2016

Sanxenxo prepárase para acoller, desde este venres, a segunda xornada da Liga Europea de Fútbol Praia, na que participarán 13 seleccións nacionais. A entrada para o público é de balde no estadio instalado na area de Silgar, con capacidade para ao redor de 2.000 espectadores

Presentación da Liga Europea de Fútbol Praia en Sanxenxo
Presentación da Liga Europea de Fútbol Praia en Sanxenxo / PontevedraViva

Todo está listo xa na praia de Silgar, en Sanxenxo, para acoller a segunda xornada da Liga Europea de Fútbol Praia.

Turistas e bañistas mestúranse estes días cos deportistas que proban o estado da area para unha competición que reunirá a 13 seleccións nacionais durante tres días de emoción.

Con capacidade para ao redor de 2.000 persoas, o estadio instalado na popular praia contará con entrada de balde para o público.

O evento, cuxos detalles explicaron este xoves en rolda de prensa, arrincará ás 13:00 horas do venres cun partido entre os equipos de Inglaterra e Andorra.

España, que buscará en Sanxenxo a súa clasificación para a gran final do torneo, xogará cada día na última das quendas: o venres ás 19:15 horas ante Romanía, o sábado ás 19:15 horas ante Francia e o domingo ás 18:45 horas ante Ucraína.

A competición estrutúrase en dúas divisións, A e B, e cada unha delas contará con dous grupos.

Na rolda de prensa previa ao torneo estiveron presentes o presidente da Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán; o alcalde de Sanxenxo, Gonzalo Pita; a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; Ramiro Amarelle, representante de FIFA Beach Soccer; Gabino Renais, vicepresidente de Beach Soccer Worldwide e o seleccionador nacional español, Joaquín Alonso.

OBXECTIVO, MUNDIAL 2019

A Federación Galega de Fútbol non se conforma con organizar unha das principais competicións do fútbol praia europeo e xa pensa máis aló, concretamente no Mundial 2019.

Así o recoñeceu Rafael Louzán, quen tras a Copa RFEF en 2015 e a liga Europea en 2016 asegura que "para 2019 plantexamos o reto de organizar a Copa do Mundo", sinalou.