A afección presenciou, este sábado en San Pedro, a importante vitoria do Viajes Interrías fronte á Unión Deportiva Mos. Levaba varios meses sen encherse o campo de Vilalonga con motivo das restricións pola covid-19 e notábanse as ganas de fútbol nunha bancada que non parou de animar ao seu equipo e guialo cara a tres puntos moi valiosos que o meten na fase de ascenso.
Seis minutos tardou en adiantarse o Interrías e como non, a balón parado. Un córner moi ben sacado por parte de Balo desde a esquina esquerda, Dapena rematouno de cabeza pero a porteira visitante rexeitouno aos pés de Connie, que non tivo oposición para envialo á rede.
Co gol, o equipo de Sanxenxo non baixou os brazos e seguiu apertando cada saída de balón do rival, que optaba por viaxes en longo buscando a Antía Salgueiro. A xogadora de amarelo tivo o empate nas súas botas pouco antes de alcanzar a medianía do primeiro acto cando sacou un disparo afastado desde o lateral esquerdo que se foi rozando a portería defendida por Isa.
O Mos seguiu apertando en busca do empate pero, outra vez desde o saque de esquina, Balo puxo o balón para o remate de Judit, que anotou o 2-0.
Cando se alcanzaba o descanso, chegou a mellor ocasión para o equipo visitante cun disparo ao traveseiro de Lucía Bouzón que terminou índose por liña de fondo.
Despois do paso polo vestiario o Interrías desapareceu e empezou a sufrir, polo menos durante os primeiros 15 minutos, momento no que o técnico local moveu o banco para cambiar a dinámica das súas e así xerar mellores ocasións.
Sentenciou o partido Dapena cando aínda quedaban 20 minutos para alcanzar o asubío final, rematando unha falta que sacou Balo desde tres cuartos de campo e deixando sen opcións a un Mos que se foi apagando co paso do tempo.
Consulta a acta do Viajes Interrías-Unión Deportiva Mos