Non foi un camiño de rosas a eliminatoria de 1/16 de final de Copa da Raíña para o Marín Futsal, que visitaba este martes a pista do Bisontes de Castellón da Segunda División.
O cadro marinense comezou con forza o partido para facer valer a súa maior categoría, collendo vantaxe cun temperán gol de Café aos 2 minutos e ampliando a súa renda aos 6 por medio de Ceci.
Antes do descanso Café repetía para deixar encarrilada a eliminatoria. Ou iso polo menos parecía, porque o conxunto local reaccionou tras o paso por vestiarios poñendo en apertos ao Marín.
Neus daba esperanzas ao Bisontes, e aínda que Adri facía o 1-4 para un Marín que apostaba polo xogo de cinco, as de Castelló recortaban de novo distancias cun gol de Rocío e outro de Neus ao interceptar unha posesión marinense sen porteira na súa meta.
Co 3-4 Ramiro Díaz pedía tempo morto para axustar ao seu equipo. Puido lograr pouco despois a sentenza, aínda que tivo que esperar a falta de dous minutos coas locais envorcadas para que Ale de Paz aproveitase unha transición sen porteira rival matando calquera esperanza de remontada.
Superado o apuro, o Marín Futsal mira agora cara ao futuro cos oitavos de final de Copa da Raíña, nos que aspira a conseguir por segundo ano consecutivo un posto na fase final da competición.