Un horroroso Pontevedra non pasa do empate ante o pechacancelas Valladolid B (1-1)

Pontevedra
26 de novembro 2017

Desastroso encontro dos granates nun Estadio Municipal de Pasarón que por primeira vez na tempada pitou, aínda que timidamente, ao seu equipo dando síntomas de fartarse. O primeiro tiro a porta dos de Luisito foi o gol, no minuto 63 de partido

Partido entre Pontevedra e Valladolid B en Pasarón Diego Torrado

A afección de Pasarón empeza a cansar. Non reacciona o Pontevedra e por primeira vez, aínda que timidamente, escoitáronse pitos nas bancadas, sobre todo no tempo de descanso.

O cabreo dos siareiros chegou despois de non poder pasar do empate ante o pechacancelas, o filial do Real Valladolid (1-1), nun encontro no que o seu primeiro remate porta produciuse no minuto 63 do choque, nun saque de esquina botado por Prosi que Etxániz dun testarazo convertía no 1-0.

Plantexou Luisito poucos cambios no once e no esquema, de novo poboando a defensa con tres centrais entre os que se atopaban Kevin e Adrián León para deixar paso no centro do campo a Prosi e Álex Fernández.

Non funcionou esta vez a idea porque, desde o minuto 1, faltou a intensidade do último encontro na casa que parecía deixar ver unha melloría. Non conseguían asociarse e crear xogo os granates, incapaces de chegar á área rival, mentres o filial valisoletano, con transicións rápidas, si creaba máis sensación de poder anotar.

Así no minuto 10 de xogo chegou a mellor ocasión do partido, ademais do gol, do Valladolid, nun córner a favor do Pontevedra que se converte nunha rápida contra que leva Miguel deixando só ante Edu a Mayoral. Afortunadamente o porteiro salvou os mobles. Con todo o guión mantíñase e unha internada de novo de Mayoral que non atopou rematador levantou as primeiras protestas da parroquia antes da media hora.

Lamentábase Luisito desde a banda e non deixaba de dar indicacións, pero non movía ficha e os seus só se achegaron unha vez con certo perigo no primeiro acto, sen que  Etxániz lograse rematar.

Facíase necesario un cambio, e sen embargo todo seguiu igual á volta de vestiarios. Mesma formulación, mesmos xogadores e mesmos erros, permitindo a Miguel plantarse ante Edu. O dianteiro visitante apostou por pasar o balón ante o gardameta e non atopou compañeiro malogrando a ocasión. Foi a guinda e o técnico moveu o banco metendo no campo a Berrocal por Jorge e cambiando o sistema no minuto 50. Defensa de catro e dous dianteiros para fixar aos centrais para buscar balóns en longo.

Gañou metros co cambio o Pontevedra e aínda que sen profundidade empezou a roldar a área. Así foi ata que Álex González forzou o saque de esquina que se convertería no 1-0. Non o merecían o pontevedreses pero mandaban no marcador, o máis difícil estaba feito. Por desgraza para os locais a alegría durará pouco e un cúmulo de erros, cun rexeite de Edu que non pechou a defensa, convertíase no empate, obra do xogador valisoletano máis activo, Miguel, no minuto 72.

Entón si se lanzaron os granates a por a vitoria, aínda que con pouco xogo, mostrando as carencias defensivas de Valladolid B, que ata o momento non aproveitara. Chegaron varias ocasións seguidas de  Etxániz e Añón e dous disparos afastados de Marcos Álvarez, pero ata aí chegou un gris Pontevedra que tivo que conformarse cun empate que non resolve os seus problemas na clasificación. 

A un punto do descenso a próxima xornada, de novo en Pasarón ante a Gimnástica Segoviana que marca precisamente a zona de salvación, preséntase como unha auténtica final, e iso que non concluíu a primeira volta da competición.

PONTEVEDRA CF (1): Edu, Álex Fernández (Mouriño, minuto 73), Álex González, Adrián León, Bruno, Kevin, Marcos Álvarez, Jorge (Berrocal, minuto 50), Etxániz, Prosi, Añón.

REAL VALLADOLID B (1): Tanis, Apa, Cobo (Suárez, minuto 66), Rubén, Velásques, Mari, Mayoral, Alvarado, Miguel (Dani Vega, minuto 91), Javi Pérez, Samanes (Porto, minuto 87).

Árbitro: Jerónimo Montes García, auxiliado nas bandas por César Díaz Carrasco e Luis Romero Serrano (Madrid). Amoestaron a Prosi e Kevin no Pontevedra e a Cobo e Javi Pérez no Valladolid B.

Goles: (1-0) Etxániz, minuto 63; (1-1) Suárez, minuto 72. 

Incidencias: Partido de liga disputado no Estadio Municipal de Pasarón ante ao redor de 2.000 espectadores. Os futbolistas de ambos os dous equipos saltaron ao campo cun pano símbolico dentro da campaña do 25 N contra a violencia de xénero, e o círculo central luciu un gran lazo violeta ata o inicio do choque.