Un inmellorable Poio Pescamar golea á UCAM na segunda metade (8-1)

Poio
19 de outubro 2019

A pesar de que o dominio empezou sendo visitante, dous goles de Dani Sousa e Andrea Feijoo abriron brecha no conxunto de Murcia que acabou recibindo unha goleada no campo da Seca

Partido entre Poio Pescamar e Ucam El Pozo Murcia na Seca
Partido entre Poio Pescamar e Ucam El Pozo Murcia na Seca / Diego Torrado

O Poio Pescamar recibiu esta fin de semana á UCAM El Pozo Murcia no pavillón da Seca co obxectivo de conseguir a súa segunda vitoria consecutiva e engancharse ao vagón de cabeza da clasificación.

O encontro empezou con dominio visitante durante o primeiro cuarto de partido, onde o Poio non se mostraba cómodo sobre a cancha.

O primeiro tanto do partido anotárono as locais. Andrea Feijoo roubou un balón e despois de realizar unha contra, culminou a portería visitante a falta de catro minutos para chegar ao descanso. Pouco tardou en empatar a UCAM que obtivo o xusto premio da igualada a escasos segundos do final do primeiro tempo.

Tras o descanso, o Poio conseguiu abrir brecha con dous goles consecutivos. Dani Sousa e Andrea Feijoo remataron dúas faltas botadas por Mirian Clara e puxeron o 3-1 no marcador. Coa UCAM tentando reaccionar, atopáronse co cuarto gol do Poio, esta vez obra de Anna Escribano que roubou o balón en primeira liña.

Quedaban 8 minutos para que concluíse o partido e a desesperación das de Murcia provocou que optasen polo xogo de cinco, momento que aproveitou o equipo vermello para acabar goleando. O quinto gol anotábao desde campo propio Mirian tras roubar o balón, o sexto Dani Sousa nun novo roubo en primeira liña. 

Finalmente, os dous últimos tantos correron das botas de Inés Mayán, que conseguiu o seu primeiro tanto en primeira tras un remate ao segundo pau a servizo de Rivera, e o definitivo 8-1 púxoo Irene García despois dun novo roubo de balón.

POIO PESCAMAR (8): Caridad; Clara, Dani Sousa, Irene García e Andrea Feijoo (quinteto inicial). Tamén xogaron, Carol, Mirian, Anna Escribano, Ana Rivera, Iria Saeta e Inés Mayán (xogadora da canteira).

UCAM (1): Cristina; Toñi, Lola, Pepa e Noelia (quinteto inicial). Tamén xogaron, Alba, Idoya, Chihiro, Susana e María.

Árbitros: Pinilla Boullosa e Dacal Deza do colexio galego. Amoestaron a Pepa, Idoya e Noelia Montoro na UCAM e Mirian e Dani Sousa no Poio Pescamar.

Goles: 1-0, min 16 Andrea Feijoo. 1-1, min. 20 Pepa. 2-1, min. 23 Dani Sousa. 3-1, min. 24 Andrea Feijoo. 4-1, min. 28 Anna Escribano. 5-1, min. 34 Mirian. 6-1, min. 36 Dani Sousa. 7-1, min. 37 Inés Mayán. 8-1, min. 38 Irene García.

Incidencias: Pavillón Municipal de Poio. Ao redor de 450 espectadores.