Un partido especial para o Waterpolo Pontevedra: "Imos ben pero está a liga moi igualada"

Pontevedra
23 de novembro 2023

O conxunto pontevedrés, que milita na Primeira Nacional Feminina, recibirá este sábado 25 de novembro na Escola Naval de Marín o CW Turia, nun encontro no que se conmemorará o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres

Presentación do partido entre o Waterpolo Pontevedra e o CW Turia enmarcado na campaña do 25N Mónica Patxot

Marchan ben as cousas para o Club Waterpolo Pontevedra na súa segunda tempada na Primeira Nacional Feminina, pero o equipo pontevedrés quere máis.

"Hai que seguir traballando porque imos ben pero está a liga moi igualada", afirma o adestrador Kike García.

 "Hai dúas semanas perdemos contra un equipo que non gañara aínda e o sábado gañámoslle ao único equipo que non perdera, co cal a igualdade xa se ve que é moita e ao final o que marca o gañar ou perder son detalles", explica o preparador.

Así, na cuarta posición da táboa, chegan a próxima fin de semana a un partido especial, o que lles medirá ao CW Turia o sábado 25 de novembro (16.00 horas) na Escola Naval Militar de Marín nun encontro no que se conmemorará o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres.

"Aproveitando que temos un equipo de referencia no waterpolo estatal queremos coa visibilidade que podamos apoiar a causa", sinalou respecto diso o presidente do Waterpolo Pontevedra, José Tellería.