Un Trofeo Cidade de Pontevedra de bádminton sen público pero mantendo a súa esencia

Pontevedra
19 de outubro 2020

O pavillón do Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra acolleu a fin de semana a cuarta edición do trofeo organizado polo Club Bádminton Ravachol Pontevedra

IV Trofeo Cidade de Pontevedra de Bádminton Cristina Saiz

Sen público, con moitas medidas de seguridade pero coa esencia de sempre e coa importancia de que o deporte vaia recuperando a normalidade.

Así se celebrou durante a fin de semana a cuarta edición do Trofeo Cidade de Pontevedra de Bádminton, no pavillón do Centro Galego de Tecnificación Deportiva.

A competición era puntuable para o Ranking Nacional das categorías Sub-11 e Absoluta, sendo o primeiro evento deportivo para as novas promesas do bádminton desde o parón provocado pola Covid.

A nivel de resultados a local Ana Carbón, do Bádminton Ravachol Pontevedra, foi unha das grandes protagonistas con dúas medallas, unha de ouro no dobres mixto e outra de prata na categoría individual feminina. Pola súa banda o club anfitrión tamén conseguiu unha medalla de prata con Manuel Brea no dobres masculino.