Unha doenza cardíaca obriga a Bea Gómez a parar e pasar polo quirófano

Pontevedra
03 de maio 2015

A nadora pontevedresa debe solucionar un leve problema detectado polos médicos da Federación Española. Trátase dunha operación pouco invasora, polo que se espera que poida regresar aos adestramentos este mesmo mes e preparar en condicións o Campionato do Mundo de Kazán

Bea Gómez nun adestramento en Rías do Sur Diego Torrado

Unha anomalía cardíaca, detectada na recente concentración do equipo nacional en Tenerife, obrigará a Bea Gómez Cortés a pasar polo quirófano.

Segundo explica Juan Martínez en Faro de Vigo, a intervención cirúrxica formúlase para resolver un problema de carácter conxénito, localizado no tabique interauricular que divide a cámara superior do corazón en aurícula esquerda e dereita.

A nadadora olímpica pontevedresa encóntrase por este motivo en repouso dende mediados de abril e, a consello dos médicos da Federación Española de Natación, someterase a unha operación nos próximos días en Madrid.

Trátase en todo caso dunha intervención pouco invasora, polo que os plans da deportista e dos responsables técnicos da Federación pasan por que a mediados do mes de maio Bea poida reiniciar os adestramentos para chegar así en boas condicións ao principal obxectivo deportivo da tempada, o Campionato do Mundo de Kazán (Rusia), para o que a pontevedresa logrou a clasificación no último Open de España.

A detección desta anomalía cardíaca provocou que Bea Gómez fose baixa na Copa de España de Primeira División na que debía competir este fin de semana xunto ás súas compañeiras do Club Natación Galaico.