Antes de intentar conseguir o seu quinto título mundial en distancia olímpica, que debe confirmar o 19 de setembro na Gran Final de Chicago, Javi Gómez Noya pretendía revalidar outro entorchado mundial, o de media distancia, un obxectivo que se complicou os últimos días por culpa dunha enfermidade.
Tras gañar nas Series Mundiais de Estocolmo, o galego viuse obrigado a permanecer varios días en cama, o que pon en dúbida a súa participación o próximo domingo 30 de agosto no Campionato do Mundo Ironman 70.3 que se disputa en Zell Am See-Kaprun, Austria.
Alí Gómez Noya esperaba repetir a actuación que hai un ano o levou a dominar unha competición que se disputa nun percorrido de 1.900 metros de natación, 90 quilómetros de ciclismo e 21,1 finais de carreira a pé.
Non obstante esta enfermidade convérteo en dúbida para a competición, aínda que como el mesmo recoñeceu a través da súa conta de twitter, xa se encontra mellor e retomou os adestramentos asegurando que fará "todo lo posible por estar en la línea de salida el domingo".