Unha medalla de bronce para Manuel Brea premia o esforzo do Ravachol nos campionatos de España de bádminton

Pontevedra
30 de novembro 2020

O conxunto pontevedrés contou con presenza a fin de semana en e Campionato de España Absoluto disputado en Huelva e no Campionato de España Sub 17 disputado en Villanueva de la Vera, Cáceres

Representantes do Bádminton Ravachol no Campionato de España Absoluto en Huelva Club Bádminton Ravachol Pontevedra

O Club Bádminton Ravachol Pontevedra sobrepúxose unha semana máis ás dificultades de tan atípica tempada para participar no Campionato de España Absoluto disputado en Huelva e no Campionato de España Sub-17 en Villanueva de la Vera, Cáceres.

"Está a resultar unha auténtica odisea saír a competir cada fin de semana sen apenas poder adestrar, levamos disputados catro Campionatos de España e cinco autonómicos sen dispoñer de instalacións e así é imposible pedir máis. Á marxe dos deportistas que temos bolseiros no CGTD, que están a adestrar con normalidade, non temos posibilidades de facer adestramentos en pista máis aló de improvisacións ou favores puntuais. Perdemos varias oportunidades enormes de traer medallas nacionais a Pontevedra debido a esta situación e iso nos  entristece moito", recoñece sobre a situación o director deportivo do equipo pontevedrés, Jesús Pereiro.

A pesar diso a fin de semana adornouse cunha medalla nacional, o bronce conseguido en categoría absoluta por Manuel Brea, formando parella en dobres co asturiano Alberto Zapico.

Pola súa banda Raquel Miguens e Martín Barbado quedaron ás portas das medallas en dobres feminino e dobres masculino respectivamente, caendo en cuartos de final.

En canto á competición Sub-17 Natalia Murio foi a representante pontevedresa, partindo como cabeza de serie no dobres mixto. Con todo, a parella non conseguiu pasar dos cuartos de final.