Verdú causa baixa e Capi renova co Pontevedra

Pontevedra
25 de maio 2016

Nova xornada de movementos nas oficinas do Estadio Municipal de Pasarón que confirmou que a renovación do plantel será máis profunda do inicialmente esperado. Coa baixa de Verdú son xa sete os futbolistas que non continuarán defendendo a elástica granate a próxima tempada. Con quen si chegou a un acordo o Pontevedra é con Capi, que renova por unha tempada

Verdú durante un adestramento do Pontevedra en Príncipe Felipe
Verdú durante un adestramento do Pontevedra en Príncipe Felipe / Mónica Patxot

A renovación do plantel do Pontevedra para a próxima tempada será máis profunda do inicialmente previsto.

Tras as catro baixas anunciadas o pasado luns, de novo as oficianas do Estadio Municipal de Pasarón foron escenario este mércores dunha tarde frenética de negociacións, na que varios xogadores do primeiro equipo achegáronse para negociar o seu futuro coa entidade.

Esas reunións concluíron coa confirmación de que Ramón Verdú non seguirá no Pontevedra a pesar da súa boa campaña, na que foi o lateral esquerdo titular e indiscutible para Luisito xogando 37 partidos de liga. O xerezano recalara na cidade de Lérez o pasado verán procedente do Marbella.

O que si seguirá na cidade de Lérez unha tempada máis é Capi, primeira renovación confirmada, polo que o central cumprirá así a súa terceira campaña como granate.

Onde non se produciron novidades polo momento é nas renovacións de Jandrín e Vicente Company. Ambos os futbolistas móstranse dispostos a continuar en Pasarón, pero existen diferenzas económicas entre ambas as partes.