Viaxe de balde para acompañar o Pontevedra no Toralín

Pontevedra
27 de marzo 2017

O club granate anunciou a organización dunha viaxe en autocar para que os seus afeccionados apoien ao equipo no campo da Ponferradina, nun partido que pode deixar case sentenciada a súa presenza no play-off de ascenso a Segunda División

Fondo Norte de Pasarón durante o partido entre Pontevedra e Racing Diego Torrado

Coa épica remontada ante o Tudelano aínda na retina, o Pontevedra quere máis e proponse deixar sentenciada canto antes unha clasificación para o play-off de ascenso a Segunda División que ten xa moi preto.

Neste sentido no club granate son conscientes da importancia que ten o choque que disputarán o vindeiro domingo (18:00 horas) no campo dun rival directo, a Ponferradina, que quedaría descartada da pelexa en caso de triunfo pontevedrés, e por iso decidiron facilitar o desprazamento dos seus afeccionados.

O Pontevedra anunciou que fretará un autobús para os seguidores que queiran acompañar ao equipo no Toralín.

A viaxe será totalmente de balde, polo que os que anoten deberán abonar soamente o custo da entrada, fixada en 15 euros para os maiores de 6 anos.

O autocar partirá o mesmo día do partido ás 9:00 horas desde o Fondo Sur do Estadio Municipal de Pasarón para regresar á conclusión do partido, podendo os interesados inscribirse nas oficinas do club (de 9:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas) ata completar prazas e con data límite as 14:00 horas do venres.

KEVIN PRESA, SANCIONADO

Non estará en Ponferrada co resto do equipo Kevin Presa, que se perderá o encontro por sanción ao ver ante o Tudelano a súa décima amoestación da tempada. Ademais haberá que esperar a ver a evolución das molestias coas que Portela concluíu o partido. No apartado positivo, Luisito recuperará para a cita a Miguel Loureiro e Bonilla tras as súas respectivas sancións e espera poder contar con Mario Barco tras dous partidos fose do equipo por probelmas musculares.