Viaxe organizada para acompañar o Pontevedra ante o Unión Adarve

Pontevedra
22 de abril 2019

O Pontevedra ofrece a posibilidade de viaxar en autocar a Madrid para acompañar o equipo no importante partido do próximo domingo (12:00 horas) no estadio García de la Mata, no que os granates buscarán un triunfo que lles permita manterse nos catro primeiros postos

Afeccionados do Pontevedra celebran un dos goles en Fuenlabrada Mosrey Fotografía

Despois de tres días de merecido descanso, saboreando aínda o triunfo do xoves ante o Rápido de Bouzas, co inicio da semana e a volta ao traballo do primeiro equipo no Pontevedra, todos no club granate están centrados xa na próxima batalla, a que os enfrontará o vindeiro domingo (12:00 horas) no feudo do Unión Adarve.

Tamén o fai a directiva pontevedresa, que anunciou a posibilidade de viaxar nun desprazamento organizado polo club para apoiar o equipo en Madrid.

Así, os afeccionados que o desexen, poderán acudir ao partido en autocar por un prezo de 40 euros (entrada ao partido incluída). A caravana granate partirá desde o Pavillón Municipal dos Deportes ás 2:00 horas da madrugada do mesmo domingo 28 de abril para regresar á conclusión do encontro.

Os interesado poden anotarse nas oficinas do Pontevedra en horario de 9:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas.

Non será un duelo sinxelo para os de Luismi, que chegan tras cinco vitorias consecutivas, e é que o Unión Adarve atópase nunha situación comprometida e loitando pola permanencia na categoría, ao ocupar o posto 18 con 33 puntos, a 6 da praza de play-out cando quedan só 12 en xogo.