Víctor Rodríguez comunica ao Teucro que xogará no Atlético Valladolid

Pontevedra
21 de xullo 2016

O xogador reuniuse coa comisión deportiva do club azul para comunicarlles que abonará a cláusula de rescisión do seu contrato e xogará a próxima campaña na Liga Asobal da man do conxunto valisoletano. O Teucro xa busca substituto ao que era un dos seus puntais no xogo defensivo

Víctor Rodríguez nun adestramento do Teucro no Municipal Mónica Patxot

Contratempo importante na planificación deportiva da Sociedad Deportiva Teucro, que perde a un dos puntais do equipo, especialmente na faceta defensiva.

Víctor Rodríguez xogará a próxima tempada na Liga Asobal da man do Atlético Valladolid, recentemente ascendido pero cun gran potencial económico e deportivo.

Víctor Rodríguez abonará a cláusula de rescisión para fichar polo Valladolid

O xogador reuniuse esta semana, ao seu regreso do Mundial de balonmán praia no que participou coa selección nacional, coa comisión deportiva do Teucro para comunicarlles que abonará a cláusula de rescisón que figura no seu contrato.

A directiva pontevedresa era coñecedora do interese do Atlético Valladolid polo seu xogador, pero ata agora non escoitaran de primeira man as súas intencións.

Víctor, a pesar de comprometer a súa continuidade cos azuis ao finalizar a pasada tempada, aceptou a oferta valisoletana, non moi superior no económico pero atractiva para el por permitirlle continuar na máxima categoría nunha cidade na que tamén finalizar os seus estudos.

A noticia caeu como un xerro de auga fría nos responsables deportivos teucristas, que se puxeron en marcha para buscar un substituto de garantías.

BALENCIAGA, Á ESPERA

Outro xogador que segue sen resolver o seu futuro no equipo teucrista é Erik Balenciaga. O central vasco conta cunha oferta do Anaitasuna navarro para continuar na máxima categoría, pero o Teucro remítese á cláusula de rescisión para deixalo saír, xa que lle resta un ano de contrato.

O Anaitasuna ofrece 2.000 euros aos pontevedreses, que non aceptarán menos cantidade da que figura no contrato (5.000 euros). Ambas as partes esperan resolver a situación antes do inicio da pretemporada, fixado para o próximo 1 de agosto.