Vitoria ante Xapón e boas sensacións para o Teucro (34-31)

Pontevedra
10 de xaneiro 2017

O equipo azul gana o seu segundo partido amigable en poucos días e céntrase xa na volta da competición na División de Honra Prata, o vindeiro sábado ante o Zamora

Amigable entre Teucro e Xapón no Municipal Mónica Patxot

A Sociedad Deportiva Teucro céntrase xa na súa volta á competición na División de Honra Prata despois de superar o seu segundo amigable do ano.

Os azuis mostraron unha boa imaxe no Municipal ante a Selección de Xapón (34-31), no que tamén era o último compromiso do equipo nipón antes do Mundial de Francia tras enfrontarse en dúas ocasións á Selección Galega, en Bueu e O Rosal.

O Teucro dominou con solvencia un encontro con bo ritmo competitivo no que Quique Domínguez repartiu os minutos e buscou afinar a posta a punto do plantel tras as vacacións de Nadal.

Pese ao control no marcador dos teucristas, que ao descanso vencían 19-17, Xapón tivo opcións de igualar o marcador, pero os azuis non llo permitiron.

Tras este choque, que pon fin á minipretempada do equipo, o próximo partido dos pontevedreses será xa oficial e con moito en xogo, o sábado (20:30 horas), ante outro dos aspirantes ao ascenso directo, o Zamora.