A era de Javier Márquez ao mando do banco do Club Cisne Balonmán comezou con vitoria, aínda que fose simplemente no primeiro encontro estival de preparación.
O conxunto pontevedrés cruzou a fronteira para medirse ao Augas Santas portugués, nun encontro no que a pesar da falta de ritmo levou a iniciativa en todo momento.
Ao descanso o Cisne dominaba por 11-14, unha vantaxe que ampliou na segunda metade ata o 26-31 final, aínda que o resultado era case o de menos nun partido que serviu para repartir minutos e ir axustando os aspectos nos que Márquez quere que destaque o equipo.
O seguinte encontro de preparación para os brancos producirase este próximo sábado 13 de agosto, tamén en Portugal, na cancha do ABC Braga, equipo que devolverá a visita a Pontevedra o 17 de agosto.
Ademais a pretempada cisneísta conta con dous compromisos máis confirmados, cun triaungular o 20 de agosto fronte ao Balonmano Base Oviedo e o Zarautz e o encontro de Copa Galicia que lle medirá o día 21 a domicilio ao Calvo Xiria.