Vitoria do Ravachol en Valencia para acariñar a permanencia e pensar en grande na División de Honra

Pontevedra
13 de xaneiro 2025
Actualizado: 13:05

O equipo pontevedrés, co seu triunfo fronte ao Club San Fernando de Valencia, finaliza a primeira volta da competición como un dos colíderes do Grupo A na máxima catgeoría nacional

O Ravachol festexa o seu triunfo fronte ao Club San Fernando CB Ravachol Pontevedra

Importante triunfo o conseguido a fin de semana polo Club Bádminton Ravachol Pontevedra no pavillón La Fuensanta de Valencia.

O club pontevedrés impúxose ao Club San Fernando na xornada que pechaba a primeira volta de competición na División de Honra, unha vitoria que lle fai acariñar xa a permanencia na máxima categoría e permítelle mirar con ambición ao segundo tramo do campionato.

De feito o Ravachol chega ao aecuador como un dos colíderes do Grupo A de División de Honra.

En Valencia a vitoria (3-4) empezou a cimentarse no punto inicial dos dobres mixto, no que xunto a Georgina Bland regresaba ao equipo Jacobo Fernández tras unha longa convalecencia.

As canteirás Iziar Barcala e Carmen Carro non puideron gañar o seu partido, pero si o fixeron en cinco emocionantes mangas os irmáns Jacobo e Gabriel Fernández.

Xa nos individuais Gerogina Bland non logrou gañar o seu partido, pero si o fixo o debutante Félix Wright e tamén a novísima Iziar Barcala, que con 16 anos logrou o punto que aseguraba a vitoria remontando para imporse á local Andrea Arrones.

"Sufrimos moito até o final, pero levámonos unha vitoria moi importante para as nosas aspiracións, xa que a permanencia queda practicamente amarrada", destacou tras o enfrontamento Jesús Pereiro, técnico do Ravachol.

Agora o seu próximo compromiso de liga disputarase o 25 de xaneiro en Cartaxena.