Volta ao traballo con poucas caras novas e varias frontes sen pechar

Pontevedra
22 de xullo 2015
Actualizado: 18:23

O Pontevedra iniciou este mércores os adestramentos á espera de que se concrete a chegada de máis fichaxes. Entre as novidades, a renovación de Capi e a incorporación a proba do lateral Miguel Loureiro, futbolista que procede do xuvenil do Celta. O club segue sen solucionar as saídas de Miguel Centrón e Álvaro Muñiz

Primeiro adestramento do Pontevedra 2015/2016
Primeiro adestramento do Pontevedra 2015/2016 /

Remataron as vacacións para o primeiro equipo do Pontevedra Club de Fútbol, que este mércores volveu aos adestramentos para preparar o seu regreso á categoría de bronce do fútbol español.

Sen tempo que perder, xa que o play-off obrigou a empezar máis tarde que os rivais, os granates puxeron o traxe de traballo baixo as ordes de Luisito, Pepe Rico e o preparador físico Roberto Valdés, que nas primeiras sesións, máis físicas, dirixirá a preparación dos futbolistas.

Príncipe Felipe é o escenario elixido para os primeiros días de traballo, que polo menos durante a primeira semana serán en sesión dobre, de mañá e tarde.

Ao terreo de xogo saltaron 24 futbolistas pero con poucas caras novas. Ademais das tres fichaxes anunciadas, as de Álex Fernández, Jandrín e Miky, a novidade foi a incorporación en período de proba de Miguel Loureiro, lateral formado no Bergantiños e que a pasada campaña militou no xuvenil de División de Honra do Celta de Vigo.

Coa volta ao traballo tamén se puido coñecer a situación de varios futbolistas que non tiñan claro o seu futuro, como o defensa Capi que remataba contrato e que renovou o seu compromiso co club granate.

Non estaba no adestramento Fran Fandiño, que nas próximas horas se unirá á disciplina do Arosa, pero si Álvaro Muñiz, xogador que non entra nos plans de Luisito, ao igual que un Miguel Centrón que adestrou a primeira hora pero que máis tarde chegou a un acordo co clube para a súa rescisión.

Por outra parte a sorpresa negativa da xornada foi o estado físico de Anxo, que segue arrastrando problemas nos abdutores derivados da esixencia física do play-off de ascenso, o que lle obrigou a traballar á marxe. "Non tiña coñecemento de que estivera tan mal", recoñeceu Luisito ao termo da sesión matinal.

O técnico mostrouse en todo caso "contento" polo estado físico dos seus xogadores aínda que "levaron uns deberes para facer e uns fixéronos rajatabla e outros non", e ademais valorou como obxectivo principal da tempada "salvar a categoría en Segunda B, máis alá é enganar á xente".

En relación ás fichaxes recoñeceu que "esperemos pechar dous ou tres moi pronto" para ter confeccionado o equipo a próxima semana. O principal problema, non obstante, reside nas pretensións económicas de moitos futbolistas, o que fai que "aos primeiros, segundos ou terceiros espadas non chegamos porque hai outros equipos que pagan barvaridades".

Os xogadores que participaron na primeira seisión foron: Edu, Lloves, Anxo, Campillo, Pablo, Capi, Bruno, Kevin, Pedro, Álex Fernández, Mouriño, Tomás, Jacobo, Tubo, Carnero, Jandrín, Miky, Miguel Loureiro, Álvaro Muñiz e Centrón, ademais do xuvenil Santi e os canteiráns Ramón, Rodri e Abraham.