Voluntarios, servizos, infraestruturas... o que non se ve dos mundiais de loita de Pontevedra

Pontevedra
19 de outubro 2022

Ao redor de 40 persoas traballan a diario de maneira directa para que todo salga segundo o previsto durante os campionatos do mundo, ao que se suma o impagable labor dun importante número voluntarios, grazas aos que se coida cada detalle do evento

A cara menos visible dos campionatos do Mundo de loita de Pontevedra
A cara menos visible dos campionatos do Mundo de loita de Pontevedra / Mónica Patxot

Os campionatos do Mundo de loita que acolle estes días Pontevedra supoñen un reto maiúsculo a nivel organizativo, pero nada que asuste a unha cidade afeita xa ao que supoñen os grandes eventos deportivos.

Non en balde trátase do "evento de loita máis importante da nosa historia", recoñeceu antes da súa inauguración o director técnico dos campionatos, Pablo Pintos, en algo só comparable no seu deporte ao vivido nos Xogos Olímpicos de Barcelona.

Desde o pasado día 12, cando comezou a competición de grappling para as categorías sub-17, sub-20 e absoluta, e ata o vindeiro domingo 23 de outubro cando conclúa o Mundial Sub-23 de Loitas Olímpicas, son máis de 1.100 os deportistas que pasarán pola Boa Vila procedentes de 70 países de todo o planeta.

Para atendelos e que non se escape ningún detalle ao redor de 40 persoas traballan de maneira directa a diario no Pavillón Municipal dos Deportes e o resto de instalacións postas ao dispor dos mundiais, pero non son os únicos porque a eles súmanse un importante número de voluntarios e colaboradores das federacións Galega e Española. 

Toda persoa relacionada coa loita olímpica en Pontevedra achega o seu gran de area, desde deportistas de base pasando por adestradores ou por un referente como a local Lydia Pérez, internacional absoluta e que non dubida en desprazarse a un aeroporto para recoller a unha delegación ou a axudar en calquera outra cuestión.

Desde o persoal do Servizo Municipal de Deportes e as federacións pasando pola xente de seguridade, médicos, prensa, fotografía, staff técnico, administrativos ou unha trintena de alumnos en prácticas da Facultade de Ciencias da Saúde e do Deporte... Todo suma para conseguir que os mundiais de Pontevedra sexan un éxito.

A actividade de feito comeza ben cedo cada mañá, coa pesada dos deportistas no Recinto Feiral a partir das 8.00 horas. Trasládase despois á zona de quecemento, cunha carpa instalada na parte traseira do Municipal, sen descoidar a zona de cátering tamén no Recinto na que os deportistas e delegacións recuperan enerxías sen ter que perder tempo en traslados.

Tamén niso está moi pendente a organización, e é que ademais dos hoteis pontevedreses son moitos os deportistas que se aloxan ata en cinco hoteis de Sanxenxo e aos que atenden a cada momento, sen decuidar os recibimentos e traslados aos aeroportos de Vigo, Santiago de Compostela e ata ao de Sá Carneiro en Porto.

Un actividade que non se apaga a diario ata pasadas as 21.00 horas da noite, cando terminan as entregas de medallas da xornada. Moitas horas de esforzo pero cunha gran satisfacción, a de ver a Pontevedra colocada no mapa do deporte mundial.