Xogar lonxe de Pasarón deixa de darlle medo ao Pontevedra

Pontevedra
11 de decembro 2019

Os granates sumaron 9 dos 12 últimos puntos a domicilio deixando atrás a debilidade que mostraban nesta estatística as últimas tempadas. Colocáronse como o cuarto mellor visitante do Grupo I da Segunda División  B

Partido de liga entre Celta B e Pontevedra en Barreiro
Partido de liga entre Celta B e Pontevedra en Barreiro / Diego Torrado

Definitivamente o Pontevedra Club de Fútbol mudou a súa cara. A falta aínda de mellorar en certos aspectos para consolidarse como aspirante á zona nobre da táboa, os granates van deixando certas pantasmas atrás.

Un deles é a debilidade que lles caracterizou as últimas campañas cando tocaba viaxar lonxe de Pasarón. Especialmente todo o que supoñía saír de Galicia era un suplicio para o Pontevedra, algo que cambiou nas últimas semanas.

Nin partidos na matinal do domingo, nin o céspede artificial nin verse por baixo no marcador no inicio do encontro supuxo un impedimento para que o equipo, primeiro con Jesús Ramos de maneira interina e despois con Carlos Pouso se confirmase como un visitante temible.

Desde a saída de Luismi o club da Boa Vila xogou catro encontros lonxe de Pasarón, co resultado de 3 vitorias (Celta  B, Las Rozas e Las Palmas Atlético) e unha derrota (Peña Deportiva) no desconto cando todo apuntaba cara a un empate. En total 9 de 12 puntos posibles a domicilio que axudaron á recuperación do equipo na clasificación subindo ata a sexta praza.

Esta xeira positivs de tres triunfos en catro saídas non foi habitual nos últimos anos. Tanto é así que só se deu no tramo final da tempada 17/18 con Luismi para lograr in extremis a permanencia na Segunda B e a campaña de regreso á categoría de bronce, por aquel entón con Luisito no banco cando se encadearon ata 8 xornadas sen perder como visitante (5 vitorias e 3 empates).

Os números actuais deron de tal forma a volta á tortilla que o Pontevedra pasou de ser un dos peores equipos fóra de casa do Grupo I da Segunda  B a ser o cuarto mellor (12 puntos), só superado por Atlético de Madrid B (16 puntos), Atlético Baleares (14) e Rácing de Ferrol (13).

No debe, recuperar a regularidade perdida no Estadio Municipal de Pasarón cando se actúa de local e tamén o inicio dos partidos, xa nesas tres vitorias a domicilio os granates comezaron o choque perdendo véndose obrigados a remontar.