Xornada aciaga para o Froiz no Trofeo Guerrita

Pontevedra
01 de marzo 2016

O equipo pontevedrés non tivo o seu mellor día na segunda carreira da Copa de España Elite e Sub-23. Sen presenza nas escapadas, o seu mellor corredor foi Francisco Medina no posto 32

Presentación do GD Supermercados Froiz 2016 Mónica Patxot

Non tivo un bo día do Grupo Deportivo Supermercados Froiz na segunda cita da Copa de España Elite e Sub-23, o XXV Trofeo Guerrita celebrado na localidade murciana de Alcantarilla.

Chegaba o equipo pontevedrés tras debutar con bo pé na competición, pero en Murcia ningún dos seus corredores conseguiu brillar nunha proba dura e marcada polo vento.

As escapadas boas formáronse sen ciclistas do Froiz, que tampouco puideron progresar na montaña e tiveron ao seu mellor representantes en Francisco Medina, que atravesou a liña de meta no posto 32, a 6 minutos e 46 segundos do gañador, Álvaro Cuadros (Fundación Contador), que chegou en solitario tras descolgar no último descenso a un pequeno grupo doutros nove corredores.

O segundo ciclista dos pontevedreses na xeral foi David González no posto 42, a 8:01.

A próxima cita da Copa de España será a Klasika Aiztondo na localidade guipuscoana de Asteasu o vindeiro domingo día 6 de marzo.