O adestrador do Pontevedra Club de Fútbol, Yago Iglesias, analizou en rolda de prensa o triunfo fronte ao Langreo, destacando a importancia da vitoria e o traballo dos seus xogadores para remontar o encontro.
Aínda que durante a primeira metade o equipo estivo desaparecido, condicionado polo estado do terreo e o xogo defensivo dos asturianos, despois do descanso saíu a polo tres puntos, xerando "dúas accións moi claras de Brais con chegada desde segunda liña" coas que puido abrir o marcador.
Con todo, foron os visitantes os que se adiantaron nunha transición, obrigando ao Pontevedra a reaccionar para meterse no partido. Para o técnico, o enfrontamento foi até o final dos seus, "o Langreo buscou o xogo directo con balóns ás costas, pero estivemos ben defensivamente. É unha pena, no cómputo xeral Edu non fai ningunha parada e nós chegamos, xeramos, pero non somos capaces de marcar", lamentou.
Yago Iglesias tamén recoñeceu que o equipo estaba necesitado de gañar non só pola derrota da pasada xornada, senón porque o Numancia non perdoou e tiña que "reporse rápido. Hoxe o equipo saíu con intención de facer o que facemos habitualmente. Na segunda parte foi máis incisivo e vertical e xeramos ocasións suficientes para pornos por diante".
O adestrador granate tamén falou das rotacións no once e os cambios durante o partido, facendo especial fincapé na acumulación de minutos que teñen algúns xogadores e a necesidade de chegar á últimas xornada en plena forma. "Hoxe a xente que entrou fíxoo ben, pero foi casualidade que xusto lle demos a volta despois dos cambios", indicou.
Iglesias tamén aproveitou para criticar algúns comentarios que recibiu o equipo despois de derrótaa fronte ao Fabril e referiuse á importancia da unión entre afección e xogadores para conseguir grandes cousas. "O fútbol non ten memoria, pero temos que remar todos na mesma liña. A tempada é moi longa, e si alguén se cre que por ser o Pontevedra e chegar a non se que rolda da Copa do Rei imos ter a alfombra vermella, está equivocado", advertiu.
"Un partido pódeche saír mellor ou peor, pero durante os 95 minutos todo o mundo ten que ir no mesmo barco. Cando a afección aperta o contrario e aplaude o xogador, o equipo reacciona e devólvello con fútbol e entrega. Se temos claro isto, imos conseguir grandes cousas", asegurou.
Finalmente, Iglesias falou da importancia de darse conta de que o Pontevedra non é o único equipo que está a pelexar por ascender, vaino a pasar mal e os xogadores non van facer un partido perfecto sempre, pero mentres dure o camiño "imos gozalo e a ir con todos a morrer, xoguen uns ou outros".