2025 | A Bienal volveu… e quedou. A arte fixo ruído en Pontevedra

Pontevedra
30 de decembro 2025

A Bienal de Arte de Pontevedra regresou tras 15 anos superando os 125.000 visitantes, un éxito que converteu durante 102 días á Boa Vila na casa da arte de vangarda e da humanidade

Intervención artística de Patrick Warrener sobre a fachada da Peregrina

A Bienal de Arte de Pontevedra volveu tras 15 anos de silencio… e fixo ruído. Ruído cultural, social e emocional. Ese que deixa pegada. Ese que fai dicir aos seus organizadores que esta 32ª edición "pasará á historia". E motivos non lles faltan xa que acadou máis de 125.000 visitantes, respaldo masivo da cidadanía, artistas internacionais, reflexión política e humanista, e un programa que espallou a arte por toda a provincia durante 102 días de auténtica explosión cultural.

O derradeiro acto non foi unha despedida, senón un continuará. No Salón de Plenos do Pazo Provincial, o grupo La Ribot puxo en escena Labola, a última peza dun ciclo de Artes Vivas que por primeira vez levou a Bienal alén da cidade. Alí, o presidente da Deputación, Luis López, e o vicepresidente, Rafa Domínguez, deixaron claro que a máquina non para: "Hoxe comeza a edición número 33", proclamaron.

López definiu estes tres meses como unha demostración de que Pontevedra é "a casa da arte, da cultura e da humanidade", un espazo onde a convivencia se amosa a través da creación. Domínguez, pola súa banda, falou dunha Bienal "profundamente humana" e agradeceu a implicación dun público que encheu salas, visitas guiadas, obradoiros e performances por igual.

Arte contra a dor do mundo

O lema —"Volver ser humanos diante da dor dos demais"— non foi casual nin decorativo. En pleno contexto global marcado por guerras e crises humanitarias, a Bienal puxo o foco na memoria, na ética e no papel político da arte.

A imaxe icónica foi o abrazo entre o fotógrafo israelí Miki Kratsman e a artista palestina Raida Adon. Desde Pontevedra enviouse ao mundo a mensaxe de que a cultura pode ser tamén un acto de resistencia e esperanza.

Como colofón intelectual, inaugurouse na UNED o seminario internacional Volver a ser humanos, con figuras destacadas do pensamento e da creación contemporánea. Filósofas, ensaístas, artistas de países en conflito e especialistas en cultura contemporánea puxeron palabras ao que a Bienal activou en emocións.

Seminario 'Volver ser humanos' na UNED Pontevedra dentro da Bienal  UNED Pontevedra

O estudo de impacto encargado pola organización non deixa dúbidas: 85% dos pontevedreses apoian novas edicións da Bienal, a veciñanza cualifica o evento cun notable alto, e máis dun terzo dálle sobresaliente e o 70% da poboación coñecía a Bienal, malia levar década e media desaparecida.

A nivel de actividades, o detalle é igual de contundente xa que o ciclo Artes vivas reuniu a 1.906 asistentes; Cine, Arte e Guerra: 157 espectadores; Conversas con artistas: 398 persoas; Visitas guiadas: 1.718 participantes e Obradoiros e actividades educativas: 293 asistentes. E, sobre todo, unha cifra que fala soa a dos 125.000 visitantes.

'Libertas', a performance de Vasco Araújo na Bienal de Arte de Pontevedra    Mónica Patxot

"Estamos diante do maior evento cultural organizado nunca en Pontevedra", afirmou Domínguez, salientando o impacto tamén no comercio, na hostalaría e na imaxe da cidade.

A Bienal non só convenceu ao público senon que tamén conquistou ao sector cultural e creativo. Foi distinguida cos Premios da Cultura Galega 2025 na categoría de Artes Visuais e recibiu un Premio Agripina Internacional polo seu deseño gráfico na XV edición do festival celebrado en Sevilla.

Nuria Sotelo e Luz Arcas Carmen Verdú - Deputación de Pontevedra

Se houbo un elemento diferencial nesta edición foi, sen dúbida, o programa de artes vivas, concibido polo comisario Iñaki Martínez Antelo como un corpo en movemento que percorreu a cidade e a provincia, habitando espazos desde o efémero, o sensible e o colectivo.

As artes vivas, presentadas como un campo híbrido e transdisciplinar, reuniron danza, música experimental, accións participativas, poesía e performance para activar outros modos de atención e outras formas de convivir. Máis ca unha categoría artística, foron un espazo de encontro, de vulnerabilidade e de resistencia simbólica.

Clausura de la Bienal de Arte de Pontevedra    Cristina Saiz

Nun mundo atravesado por guerras, desprazamentos forzosos e violencias que fracturan o tecido social, este ciclo converteuse nun laboratorio sobre o significado de "volver ser humanos". Non como un regreso nostálxico, senón como un exercicio crítico de volver ao corpo como arquivo, como fronteira, como ferida, como lugar político e afectivo.

As accións do ciclo —celebradas todos os venres entre o 27 de xuño e o 26 de setembro, salvo dúas excepcións estivais— ocuparon espazos tan diversos como as naves de Aceros del Tea en Ponteareas, o Espazo Salgadeiras de O Grove, a capela da Lanzada en Sanxenxo ou o Museo do Mar de Galicia en Vigo. A inauguración con Vasco Araújo, cunha acción coral que activou o espazo urbano a través do canto como protesta, e a clausura con La Ribot foron declaracións de intencións: o corpo, a voz, o común e o aquí-e-agora como cerna da experiencia artística.

Este programa non buscou ofrecer respostas, senón abrir preguntas, friccións e posibilidades. En tempos de control e uniformidade, púxose en valor o fráxil, o inacabado, o vivo como acto de resistencia e celebración.

Rafa Domínguez, vicepresidente da Deputación de Pontevedra interactuando cunha das obras da Bienal  Cristina Saiz

O regreso da Bienal foi un acto colectivo. Un proxecto con "moitos pais", como subliñou López. Dende os comisarios Antón Sobral, Antón Castro e Agar Ledo; o equipo técnico do Museo de Pontevedra; as institucións colaboradoras; e cada un dos miles de visitantes que fixeron da cidade un fervedoiro artístico e emocional.

Se esta edición pretendía axudarnos a volver ser humanos, semella que o obxectivo está cumprido.  Esta 32ª edición non só recuperou unha cita histórica senón que definiu o seu sentido. Converteu a cidade nun espazo de convivencia estética, política e emocional. Deulle á arte un papel central na reflexión contemporánea e á cidadanía un territorio de encontro accesible, plural e vivo.

Presentación da Bienal de Artes Vivas en Santa Clara   Cristina Saiz

E para sorpresa de todos, Pontevedra acollerá en xullo de 2026 a Bienal de Artes Vivas no histórico convento de Santa Clara, nun proxecto para converter a cidade nun referente da creación contemporánea e integrar patrimonio e vangarda.

A Bienal terá formato de festival de arredor de dúas semanas, con actividades diarias e gratuítas, e buscará que este evento non sexa algo illado, senón unha presenza cultural constante na cidade entre edicións da Bienal de Arte. Santa Clara consolidarase así como espazo cultural clave do futuro.

O proxecto inclúe artes vivas e prácticas contemporáneas como arte de acción, artes escénicas experimentais ou circo, con forte interacción co público e maior presenza internacional. Os artistas anunciaranse nos próximos meses.

 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora
Arquivado en