Dous campións olímpicos de tríatlon apúntanse á I Travesía a Nado Río Lérez

Pontevedra
14 de setembro 2023

O noruegués Kristian Blummenfelt, campión en Tokyo, e a estadounidense Gwen Jorgensen, ouro en Río 2016, participarán este sábado 16 de setembro na proba de augas abertas organizada polo Galaico, na que poderán testar a zona de natación no Lérez na que competirán na Gran Final das Series Mundiais

Gwen Jorgensen, na Copa do Mundo de Tríatlon en Karlovy World Triathlon

A proximidade coa Gran Final das Series Mudniales de Tríatlon e a posibilidade de probar a zona de natación que se usará nos mundiais vai provocar unha participación de auténtico luxo na I Travesía a nado Río Lérez que organiza o Club Natación Galaico e que se celebrará este sábado 16 de setembro.

Ademais dos máis de 200 deportistas anotados para o evento, correspondente ao Circuíto Galego de Augas Abertas, os triatletas terán un papel protagonista con varios nomes propios.

Dous deles son de feito campións olímpicos e mundiais, auténticas figuras do deporte internacional.

Por unha banda en categoría masculina participará na travesía o noruegués Kristian Blummenfelt, ouro nos Xogos de Tokyo e campión mundial non só en distancia olímpica senón tamén de Ironman e 70.3, e que leva xa uns días en Pontevedra preparando a súa participación no Gran Final.

Tamén a proba feminina terá unha fugura do máximo nivel coa estadounidense Gwen Jorgensen, campioa olímpica en Río 2016 e dúas veces ouro mundial (2014 e 2015).

Completa a nómina de campións mundiais a húngara Zita Kuttor-Bragmayer, campioa de acuatlón.

Será a guinda a unha xornada deportiva na que se espera vivir un gran ambiente na contorna da praia fluvial, con actividade desde as 15.45 horas e durante boa parte da tarde.