Historia da Virxe con chapeu e sen coroa: María peregrina

Pontevedra
08 de agosto 2025
Actualizado: 18:14

No século XVIII rivalizaban os devotos da Virxe do Camiño e os da Peregrina. Dúas imaxes co mesmo título na mesma capela, con dúas confrarías distintas e celebracións o mesmo día

Nenos da carroza da Virxe Peregrina. Foto de Francisco Zagala de 1907 Archivo Histórico Provincial

A Virxe María como peregrina non foi parte das primeiras tradicións do Camiño de Santiago. A imaxe máis antiga que temos dela así aparece na cantiga 49 do rei Alfonso X o Sabio, pero refírese a un santuario en Soissons, Francia, que nin sequera está nunha ruta xacobea.

Non é até o século XVI que vemos por primeira vez a María representada como peregrina en Sahagún (León), nun colexio dos Pais Franciscanos, xusto en pleno Camiño Francés. Esta idea vén dunha obra mística escrita por María de Jesús de Ágreda. A partir de aí, no século XVIII, esta representación da Virxe empeza a estenderse a outros sitios relacionados coas rutas a Santiago, como Pontevedra, A Rioxa, o propio Santiago, Cerceda e até América.

Fotografía de Francisco Javier Sánchez Cantón

Durante a Idade Media, moitísima xente movíase dun lado a outro de Europa, nun contexto social e político bastante complicado. Nese ambiente xorden as peregrinacións, dedicadas aos misterios de Cristo, aos santos e, como non, á Virxe, que sempre tivo un papel crave como acompañante e protectora do peregrino. De feito, ao longo das rutas europeas están cheas de igrexas dedicadas a ela.

Moitas destas igrexas chegaron a ser moi importantes, xa sexa por milagres atribuídos á Virxe, por momentos históricos nos que interveu, ou por aparicións, algunhas en forma de descubrimentos de imaxes antigas e outras directamente sobrenaturais. Desde o século IX, empezan a construírse moitas igrexas dedicadas a María, sendo moi común que o estean ao misterio da Asunción. Logo, ao ir engadindo capelas e altares nas igrexas, case sempre se incluía un na súa honra. Tamén se lle dedicaban pequenos santuarios no campo, cruces de camiños, oratorios, e mesmo as campás. O nome de María empeza a usarse para bautizar persoas. E co tempo aparecen grandes santuarios marianos por toda Europa, como Le Puy-en-Velay en Francia.

En España destacan varios lugares: Covadonga, en Asturias; Montserrat, en Cataluña; o Pilar, en Zaragoza, que é parada obrigada para os peregrinos; Guadalupe, en Estremadura; Santa María do Manzano, en Castrogeriz; e Santa María a Branca, en Villalcázar, onde, segundo as Cantigas de Alfonso X, ocorreron moitos milagres. Tamén está o santuario da Virxe de la Encina en Ponferrada, relacionado cos templarios.

Ao longo de todos os camiños a Compostela atopamos devocións marianas moi distintas: algunhas locais e outras que chegaron a ter un impacto moito maior. Pero todas teñen en común o feito de que se lles atribuían milagres para axudar aos peregrinos.

É a finais do século XVIII, concretamente en xuño de 1778, cando empeza a historia do actual Santuario da Virxe Peregrina de Pontevedra, xusto o mesmo ano en que morreron Voltaire e Rousseau, e reinaba Carlos III en España.

Anos antes, o 8 de decembro de 1753, o arcebispo de Santiago daquel momento, Bartolomé Rajoy y Losada, autorizou a creación dunha irmandade na Boa Vila para render culto á Virxe. Así naceu a Congregación da Nosa Señora do Camiño.

A cousa ía tan en serio que aceptaron como membros honorarios ao mismísimo Papa da época, Benedito XIV, ao rei Fernando VI, á raíña, ao arcebispo e a toda unha lista de personaxes importantes. E dicir, que empezaron con forza.

A medida que crecía a devoción pola Virxe, tamén empezaron a chegar doazóns. Entre 1758 e 1762, por exemplo, fixéronselle uns traxes novos á imaxe, con sedas doadas por dona Sebastiana de Castro, e encargóuselle un rostrillo de prata dourada con pedras preciosas ao prateiro pontevedrés Juan Ignacio Carballido. As pedras viñan de Portugal e todo o conxunto custou 737 reais.

Novena

Por aquel entón, a imaxe era coñecida como A Nosa Señora do Refuxio ou a Divina Peregrina, e venerábase na igrexa da Nosa Señora do Camiño. Todo ben… ata que empezaron as leas. Resulta que había dúas imaxes marianas co mesmo título na mesma capela, con dúas confrarías distintas e celebracións o mesmo día. Como era de esperar, isto xerou máis dun roce.

Para evitar máis problemas, en 1757 decidiron cambiar a data da festividade principal ao segundo domingo de agosto, unha data que se segue celebrando hoxe en día. Ese mesmo ano fíxoselle un altar á Virxe Peregrina, con traballos de artistas e artesáns locais. Tamén se lle fixo unha coroa de prata.

Pero nin con todo iso acougáronse as tensións. En 1775, o rexedor da vila prohibiu á confraría da Peregrina pedir esmolas, alegando que ao ter o mesmo nome que a imaxe "oficial", estaban a competir polas doazóns e poñendo en perigo a economía do templo.

Así que en 1776, a confraría decidiu cambiar oficialmente o título da súa Virxe a "María Santísima do Refuxio, a Divina Peregrina", tentando marcar distancia e reforzar o seu carácter de protectora dos peregrinos. Mesmo escribiron a un convento franciscano en Sahagún para pedirlles detalles sobre como veneraban alí á Virxe Peregrina. A resposta foi amable pero pouco útil: non quedaba nin unha estampa nin unha novena dispoñible.

Aínda así, non se renderon. Mandaron facer unha imaxe nova baseada nun modelo que conseguira un dos confrades, e colocárona no seu altar o 9 de agosto de 1776. Pero cando tentaron facer a novena e continuar co culto, o Concello puxo o berro no ceo: prohibíronlles colocar a imaxe, facer procesións e até pedir esmolas.

Ao final, o 30 de novembro de 1776, o Concello resolveu o tema: as dúas confrarías non podían seguir compartindo templo. Ordenaron á da Peregrina que retirase a súa imaxe, o retablo e todo o demais, e que buscase outro sitio. Mesmo lles ofreceron terreos municipais para construír unha nova capela.

O 5 de decembro, a Confraría aceptou e trasladou a imaxe a un solar preto da porta de Trabancas. Un dos confrades, Alonso González, cedeu o terreo, pero ao ver que o lugar quedaba demasiado preto da muralla e podería haber problemas de humidade, pediron outro solar á beira. O Concello aceptou, coa condición de que a futura capela incluíse asentos reservados para as autoridades e respectase certos elementos urbanos, como a canle que levaba auga á Fonte da Ferrería.

O 23 de decembro terminaron de construír unha pequena capela de madeira nese novo solar, que custou 1.813 reais e 6 maravedís. E o 24 de decembro de 1776 celebrouse a primeira misa. Esa foi a semente do santuario que hoxe coñecemos.

Capela dá Virxe Peregrina fotografada fai 96 anos por Otto Wunderlich

Desde o principio, sabían que a capela de madeira era só provisional. Así que, en abril de 1777, recibiron unha primeira doazón de pedra para levantar un templo "de verdade". Un ano despois abriron a súa propia canteira en San Amaro de Moldes e o 5 de xuño de 1778 comezaron os cimentos. O 18 de xuño púxose a primeira pedra do novo santuario, sendo papa Pío VI e rei Carlos III. A obra foi impulsada por Bernardo José de Mier, con planos do sarxento Antonio Souto, do rexemento de milicias de Pontevedra, quen tamén era mestre canteiro.

Aínda que non se sabe moito máis de Souto, este santuario é unha auténtica xoia. Ten unha planta en forma de vieira (símbolo do Camiño de Santiago), e combina estilo barroco tardío con elementos neoclásicos. É un dos templos máis representativos do século XVIII en Pontevedra.

En 1781 xa non hai máis mencións a Souto nos documentos, e parece que a obra foi rematada por outro mestre, Isidro Martínez. En 1793 colócanse as campás, a porta, as vidreiras e o adro, coa súa fonte central e dúas escaleiras. Finalmente, o 2 de agosto de 1794, tras 16 anos de esforzo, o santuario foi bendicido polo párroco de San Bartolomé, en nome do arcebispo de Santiago.

Atrio orixinal da capela que se cambiou 1887 e que en 1953 foi preciso restituír

Hoxe en día, a Virxe Peregrina é patroa da Deputación de Pontevedra e do Camiño Portugués a Santiago. Moita xente cre que tamén o é da cidade, pero ese título pertence en realidade á Virxe da O, cuxa festa é o 18 de decembro.

Por certo, parte do diñeiro para a construción conseguiuse vendendo algunhas xoias da Virxe, como a antiga coroa de prata e o rostrillo de pedrería, que acabaron no convento de San Francisco. Como a nova imaxe levaba chapeu de peregrina, non necesitaba coroa. Práctica e sinxela, como unha boa camiñante.