Todo sitio é bo para dar a coñecer un programa electoral e o BNG non se quixo esquecer nesta campaña dos furanchos. O alcalde e candidato nacionalista á reelección, Miguel Anxo Fernández Lores, e outros membros da candidatura visitaron na noite deste domingo distintos furanchos do rural.
A primeira parada dos integrantes da lista do BNG foi o furancho de Cortizo, no lugar de Pintos (parroquia de Marcón), pero tamén se deixou ver por outras parroquias como Bora, onde visitaron o establecemento coñecido como As Golondrinas.
A xornada deste domingo estivo moi vencellada ao sector da hostalaría. Lores mantivo unha reunión no Hotel Rías Bajas con distintos propietarios de hoteis da cidade para exporlles cal é a súa aposta de promoción do turismo na cidade, do que sinala que "nos ten que dar moitas alegrías no futuro".
Neste eido, as súas propostas pasan por seguir a traballar na carteira de eventos deportivos exclusivos de ámbito europeo ou internacional, intensificar a chegada de congresos e feiras á cidade e, especialmente, apostar polo retorno turístico e económico que traerá o modelo de cidade cada vez máis coñecido e recoñecido no mundo.
Lores trasladoulles que o seu obxectivo é transformar a Pontevedra nunha cidade de referencia no mundo como no seu día puideron ser San Sebastián, Brujas ou Amsterdam, entre outros exemplos. O fin último é fomentar un turismo de calidade, desestacionalizado, sustentable e respectuoso co territorio.
Na opinión dos nacionalistas, o principal atractivo turístico é a propia cidade de Pontevedra e o seu modelo premiado. Os premios son tamén o noso mellor cartón de presentación e ábrennos as portas dun novo mercado que, por primeira vez, ten interese en coñecer a cidade.