O PSOE teme un pacto entre o BNG e o PP para montar a planta de compostaxe tras as eleccións

Pontevedra
05 de maio 2015

Agustín Fernández, candidato do PSdG á alcaldía de Pontevedra, alerta da posibilidade dunha negociación con Sogama por parte do BNG que rebaixa a débeda a cambio de trasladar o lixo de toda a provincia á planta prevista na Canicouva

Agustín Fernández, concelleiro do PSOE Cristina Saiz

Unha débeda que supera os cinco millóns de euros e a posibilidade da firma dun acordo do actual goberno coa empresa Sogama son os temas que máis preocupan a Agustín Fernández, candidato á alcaldía do PSdG-PSOE, ante a chegada da campaña electoral. A débeda, que supón a capacidade de investimento anual do concello, é un tema que segundo Agustín Fernández hai que tratar de forma colectiva, xa que afecta a todos os pontevedreses.

Ademais, recalcou na rolda do prensa deste martes que non é o momento de asinar acordos pola proximidade das eleccións do 24 de maio e manifestou as súas sospeitas de que o BNG, socio de goberno dos socialistas, mantén negociacións coa Xunta sobre a planta de compostaxe de Canicouva e a débeda con Sogama que puidera compromenter á próxima corporación.

Agustín Fernández cre que o BNG está a pactar coa administración autonómica para conseguir un redución da débeda que o concello de Pontevedra mantén coa empresa encargada do tratamento de residuos a cambio de que os lixos da provincia de Pontevedra se destinen á planta de compostaxe que os nacionalistas pretenden construír na parroquia da Canicouva.

O candidato socialista sostén que en todo caso a planta tería que construírse nun polígono industrial para evitar danos ambientais: "Nós non estamos por que se destrúa monte para montar unha planta de tratamento de resíduos", afirma Agustín Fernández, que reclama que sexa a futura corporación quen tome decisións sobre todo o relacionado coa xestión dos residuos en Pontevedra.