Unha enchente de borrascas desbocadas marcaron o outono

Pontevedra
30 de decembro 2023

Numerosos danos causaron os temporais e borrascas que se rexistraron nas Rías Baixas durante os últimos meses do 2023 deixando imaxes impactantes con Combarro emulando a Venecia ou co campo de fútbol de Chan da Barcia en Ponte Caldelas levantado. Un dos sectores máis afectados ante tanta chuvia foi o marisqueiro, que sufriu importantes perdas

Danos no campo de Chan da Barcia de Ponte Caldelas tras desbordarse o río Verdugo
Danos no campo de Chan da Barcia de Ponte Caldelas tras desbordarse o río Verdugo / Radio Nova

Do 15 de outubro ao 15 de novembro deste 2023 que se vai, as Rías Baixas viviron un mes con todas as xornadas rexistrando precipitacións intensas que chegaron a alcanzar os 734 litros por metro cadrado en Pontevedra, sendo superada por municipios como Poio, con 1.112 l/m2, ou Cerdedo-Cotobade, que nas dúas quincenas acumulaba 1.108 l/m2.

As consecuencias desta choiva case continua, que chegaba á provincia a través de borrascas como Ciarán, Celine ou Domingos, deixaba numerosos danos e imaxes impactantes.

Combarro convertíase nunha emulación de Venecia debido á pleamar, as mareas vivas e ás torrenciais choivas durante a xornada do 28 de outubro.

Natalia Puga realizaba unha ampla reportaxe sobre como afrontaron a situación en diversos establecementos do punto máis turístico de Poio.

Pero nesa mesmo día tamén se rexistraban numerosas incidencias en diferentes municipios: en Portonovo desaparecía a praia de Baltar durante varios minutos debido á subida das augas ou en Vilagarcía de Arousa, o mar alcanzaba o paseo ao pasar a praia da Concha.

Non se trataba de situacións illadas, xa que os problemas se producían en numerosos puntos durante as seguintes xornadas e inundábanse zonas debido a que os ríos, como o Gafos, baixaban arrasando terreos limítrofes.

O 4 de novembro o temporal azoutaba o campo de fútbol de Chan da Barcia levantándoo por completo e deixando unha imaxe espectacular de demostración da forza da natureza ao desbordarse o río Verdugo, como se observa na información realizada por Diego Espiño.

As incidencias sucedéronse nun dos outonos máis chuviosos do últimas corenta décadas sendo necesario, entre outros sucesos, evacuar de madrugada a un operario ao que caía unha árbore encima como consecuencia do temporal.

 

DANOS CAUSADOS AO MARISQUEO

Un dos sectores que se viu máis afectado por estas continuas choivas foi o marisqueiro.

A perda de salinidade das augas provocou paros do traballadoras pero tamén causou unha alta mortaldade de ameixas e berberechos na ría pontevedresa, que se enfrontaban ao momento máis importante de vendas: as festas do Nadal.

O temporal Domingos foi o que causou máis danos a este sector, que demandaba á Xunta de Galicia a consideración de zona catastrófica para as rías afectadas por esta preocupante situación.

Ademais colectivos ecoloxistas e o sector, á marxe dos temporais, tamén amosan a súa inquedanza ante o descenso de produción de marisco que, segundo denuncian, afecta nos últimos anos gravemente ás Rías Baixas e reclaman medidas por parte da administración que garantan o futuro da actividade marisqueira.