Carta aberta a Jorge Cubela

13 de decembro 2025

Levo anos soportando os seus desprezos públicos, insidias e palabras que non só cuestionan o meu traballo político, senón que buscan danarme persoalmente. Iso non é política

Sr. Alcalde:

Non adoito responder aos ataques persoais que leva anos dirixindo á miña persoa, porque sempre tiven claro que o traballo fala por un mesmo. Pero chega un momento no que o silencio pesa máis que as palabras. Por iso, hoxe decido romper ese silencio, despois de ver na páxina oficial do Concello de Cerdedo-Cotobade un vídeo no que vostede volve a cuestionar o meu salario e e meu traballo.

Durante anos, adiquei tempo, esforzo e corazón ao Concello de Cerdedo-Cotobade. Fixen política desde a honestidade, con moitos acertos que hoxe seguen vivos en proxectos, actividades e servizos que na actualidade forman parte do día a día da veciñanza. Sempre puxen ás persoas por diante das siglas.

Deixei a política municipal en Cerdedo-Cotobade en maio do 2023, convencida de que era o momento de dar paso a outras persoas, pero nunca deixei de amar ao meu concello. E iso, Sr. Cubela, non mo vai quitar vostede, por moito que o intente.

Levo anos soportando os seus desprezos públicos, insidias e palabras que non só cuestionan o meu traballo político, senón que buscan danarme persoalmente. Iso non é política. Iso non é liderado. Iso non é o exemplo que merece a nosa veciñanza. E moito menos aínda cando eses ataques parten dun cargo institucional, que debería estar ao servizo de todos e todas, non ao servizo do resentemento persoal.

Sabe ben que moitos dos actos, proxectos e iniciativas que vostede utiliza hoxe como escaparate, teñen raíces fondas no traballo doutras persoas, doutros gobernos, doutras etapas: a escola infantil, a festa do Petote, a feira de Cuspedriños, as escolas deportivas, o centro médico de Tenorio, premios Nélida Piñón, Modesto Figueiredo, certame Ricardo Portela… Non pido recoñecemento, pero tampouco vou aceptar que se borre a memoria colectiva para construír un relato persoal baseado na mentira.

E por iso lle pido respecto, porque a política debe construír, non destruir. Porque as diferenzas ideolóxicas non xustifican nin o odio nin a manipulación nin o uso partidista das institucións, que é o que fai vostede.

Sr Cubela, é unha mágoa que a súa ambición personal non lle deixe entender o que significa ser alcalde de Cerdedo-Cotobade. O tempo demostrou que pasou de ser unha promesa con futuro a unha decepción para moitos dos que no seu día creeron en vostede.

Déixolle os ataques, o rencor e o desprezo a vostede, a min quédanme os recordos e o afecto da veciñanza, e sobre todo a tranquilidade de ter traballado con honestidade e entrega polo meu Concello.

 

Un saúdo