Sobre a licitude do balbordo do servizo público de recollida de lixo

04 de maio 2025

O camión pasa cincuenta veces, voltea os contedores, dálles logo golpes para que caia o contido, a máquina que move os contedores chirría, emite ruídos que parecen proceder do Averno

Estou no meu cuarto, son as 20:15 do venres 2 de maio. Traballo na tese doutoral mentres de fondo soa unha escolma que preparei de música do meu amigo Beethoven. Pero ademais dos taconazos, portazos e golpes da pensión ilegal que montaron no terceiro (eu vivo no segundo), escoito un forte BOOMM, BOOMM, seguramente procedente do "Troneira Fest". Xa durante as festas da Peregrina, ás veces teño que liscar e trocar de domicilio, pedíndolle o favor ao meu irmán de hospedarme durante unha semana.

Vivimos nunha sociedade "inclusiva" ata a histeria colectiva, inclusividade que afecta a todos, a todos?, non, a todos non; xa que está ben ser inclusivos con peculiaridades que afectan a porcentaxes mínimas da poboación, pero en troques, a poboación que sufrimos de hiperacusia non somos respectados nin somos obxecto desa inclusión. Dinnos que se tales ruídos provocados por malos veciños ou festas populares nos molestan, que lisquemos ao monte a vivir. Como se cada un puidera exiliar o domicilio. A hiperacusia fai que os afectados escoiten todo amplificado e distorsionado, como se dun altofalante barato se tratase; ademais escoitamos mellor o que está lonxe que o que está preto. É dicir, que podemos ter problemas para manter unha conversa na rúa, pero escoitamos perfectamente a moto que pasa a centos de metros. Pero con nós non hai ningún tipo de inclusión nin solidariedade. E ese é outro tema que xa comentara noutra colaboración: as motos de escape libre cunha policía local ausente.

Por outra banda, o elemento que máis altera a tranquilidade dunha persoa que sofre este mal son as actividades do propio Concello, e non me refiro ás festas da Peregrina, de pouco máis dunha semana de duración, refírome a que todas as madrugadas, todos os días, o servizo de recollida de lixo non pode facer máis ruído. O camión pasa cincuenta veces, voltea os contedores, dálles logo golpes para que caia o contido, a máquina que move os contedores chirría, emite ruídos que parecen proceder do Averno. Está moi ben isto da reciclaxe, pero boto de menos aqueles tempos onde o camión pasaba unha vez, cara ás dez ou dez e media, en silencio, e os operarios que ían suxeitos a unha barra saltaban e collían as bolsas e chimpábanas dentro. Moi hixiénico non era, coas bolsas nas portas das vivendas, non existían contedores, pero si era máis silencioso. Non se pode manter a hixiene e o reciclado e ser menos ruidosos? Ademais non vale o argumento de que pasan de noite debido a que de día hai tráfico rodado, xa que eu tamén os vexo de día. É lícito que para que dous operarios teñan o traballo máis cómodo teña que fastidiarse toda a cidade? Cando me asomo, incomodado polo ruído, pola fiestra e vexo o operario tranquilamente na cabina manipulando un mandiño, penso nos seus parentes máis achegados e fágome a pregunta que recollín máis adiante sobre a licitude disto: a comodidade dunha persoa, que non se mancha as mans como os de antes, para o fastidio de toda unha poboación. Xa que non fai falta ter hiperacusia para ser molestado por este balbordo todos os días varias veces ao longo da madrugada. Que cambien de máquinas, ou que lles boten un pouco de graxa, que chirrían a matar. Que troquen o modelo de contedores, xa que eses non se baleirar ao ser volteados e o operario ten que repetir a operación cincuenta veces. E ao pasar vinte minutos, pasa outro camión, e logo outro...

Unha sociedade que ten que dicir "niñes" para non ofender, pero que logo tortura a un amplo espectro da poboación con hiperacusia cunha absoluta falta de empatía, non é unha sociedade "inclusiva", é unha sociedade infantil.