Sigo algúns deportes por televisión, seguramente influído polos comentaristas deportivos que axudan na transmisión. O Tour con Perico Delgado. Anteriormente, a ximnasia artística ou rítmica con Paloma del Río, o baloncesto con Andrés Montes, "JUGÓN". O tenis entroume con Andrés Gimeno. Con el aprendín "drive", "revés", "volea", ou "drop" e palabra estrela, o "Passing shot". Meteume o bichoco no corpo de un día poder ver un "Gran Slam". Case o consigo en Roland Garros. No ano 1995 andaba por París. Xogaba en cuartos de final Sergi Bruguera contra Renzo Furlan. Intentei ver o partido, as entradas baratas acabáranse, as outras imposibles. Queda para outra ocasión, ganou Bruguera.
Este ano vin algúns dos partidos da Mutua Madrid Open e de Roland Garros. O que máis me sorprendeu non foi o xogo dos tenistas. Foi ver tantos palcos VIP baleiros. Tanto de homes como de mulleres. Lémbrome que en 2019 na semifinal de Roland Garros entre Novak DJokovic e Dominic Thiem había palcos baleiros, a dirección pediulle aos empregados que foran ocupando prazas para "dar" ben en televisión. O extenista francés Henri Laconte, dixo este ano, que "hai que por aos apaixonados abaixo". A directora do torneo, Amélie Mauremo, escoitou críticas pola pouca presenza de público nos partidos nocturnos que (!!!vaia casualidade¡¡¡) eran o 90% de mulleres e tamén polos baleiros dos palcos VIP. Falei cun amigo con palco no estadio do Real Madrid. Díxome unha palabra que eu nunca oíra "Hospitality".
Mirado máis a fondo vese que esta ocorrendo en todo o deporte no que hai metidos moitos cartos. Os palcos "Hospitality VIP" son espazos de influenza e negocios. O perfil do asistente fala por si só, figuras do deporte e da arte, directivos de grandes compañías, políticos, diplomáticos, empresarios, investidores e "celebrities" internacionais. Atopan no partido, torneo, non só unha cita deportiva, senón un punto de encontro social e profesional de primeiro nivel. Os equipos ou torneos xustifícano co de "é fundamental" ter eses espazos para poder manterse senón as entradas serían moito máis caras (debe parecerlles pouco o que custan agora). Queren botarnos fóra aos seareiros normais. Horarios imposibles, os abonos de tempada son para clase media alta, non se poden levar pancartas ou bandeiras "políticas" baixo pena de expulsión, agás que sexa a de España co polo.
Entramos nunha nova era a do "entretemento dos ricos", a Hospitality. Onde se deseña todo para que ninguén se saia do guión. Onde os normais teñen prohibido beber alcohol e eles teñen una axenda paralela nos clubs exclusivos do estadio con viños e cócteles, contra da Lei 19/2007 que prohibe o alcohol nos estadios. Aquí acae ben o cantar de "Cando se emborracha un pobre todos din que é un borrachón, cando se emborracha un rico, que gracioso está o señor". Celebran reunións discretas en salóns privados e invitan a "clientes clave". É un tear onde se mesturas fíos de relacións aproveitando un lugar "informal" e relaxado. Tan relaxado que se esquecen de onde están e os palcos fican baleiros. O noso "Celtiña" tamén ten Hospitality (https://rccelta.es/gl/empresas/rc-celta-hospitality/)
Os que somos seareiros "normais" vemos que aparecen os "seareiros Premiun" que encarecen todo porque eles non van a cantar, a berrar ou animar a un equipo, eles van a vivir "experiencias" de acceso exclusivo con desfrute de "catering" de tres estrelas Michelin e viños con sumiller, esquecen o partido. Só nos vai quedar ver os partidos por streaming non bares por dúas razóns. A primeira é que as plataformas que os transmiten teñen uns prezos moi elevados para a maioría de nós. A segunda é que sentímonos acompañados uns con outros e podemos comportarnos como se estivesemos na grada do campo, animando aínda que sexa a unha pantalla de televisión.