Outras Peregrinas sen música clásica. Deixen á "Orquestra Sinfónica" tocar música clásica

10 de agosto 2025
Actualizado: 8:55

Por que non se fai como en Compostela?, gobernada, por certo, tamén por unha alcaldesa nacionalista. Encher a Praza da Ferraría con Tchaikovsky e Verdi como se fai en Compostela

O pasado día 23 de xullo, na compostelá Praza da Quintana, a "Real Filharmonía de Galicia" deu o seu concerto de balde enchendo a praza de música. No programa, entre outros, Verdi, Tchaikovsky, Offenbach ou Johann Strauss II. Na cidade da Coruña fan o mesmo durante as festas de María Pita coa "Sinfónica de Galicia".

En Pontevedra, en troques, un ano máis, perdemos a oportunidade de levar ás prazas de Pontevedra a música clásica durante a semana grande das festas. Unha vez máis, tocará en Pontevedra, o día 16 de agosto na Ferraría, a "Orquestra Sinfónica de Pontevedra", pero cun grupo de música tradicional, e cun programa onde os grandes clásicos non terán cabida, e será un episodio máis de ailalelo-aialalo como os que hai no resto do ano, muiñeiras e foliadas. Que conste que quen escribe estas verbas é gaiteiro, pero o maltrato á música clásica en Pontevedra é xa patolóxico. O outro concerto que fai a "Orquestra Sinfónica de Pontevedra" é o do día 1 de xaneiro, que comezou moi ben nos primeiros anos, con repertorio como o da mañá emitido desde o Musikverein da miña Viena, pero que sufriu un proceso no cal se converteu nunha foliada máis. Gústame a música tradicional. Pero creo que este programa da nosa orquestra vén dado por esixencias do Concello, que a pesar de todos os seus acertos, que son moitos, neste caso peca de cabezonería e certa tirria non contida contra os melómanos. Creo que xa o dixen noutra ocasión neste medio: acaso o Concello esixe aos participantes do Festival de Jazz e Blues que toquen repertorio galego? Non. Os amantes do Jazz e o Blues desfrutan deste estilo, sen adulterar, sen ver que o seu concerto de jazz se converte nunha foliada máis, como as que hai durante o resto do ano.

Por que non se fai como en Compostela?, gobernada, por certo, tamén por unha alcaldesa nacionalista. Encher a Praza da Ferraría con Tchaikovsky e Verdi como se fai en Compostela. Un ano máis, seguramente vaia ao devandito concerto a pesar de que considere inxusto de que por unha imposición do Concello no programa do concerto, non poida escoitar os meus amigos Beethoven, Tchaikovsky ou Johann Strauss II. Bo, nin eu nin ninguén. Nos programas das festas hai que pensar en todos os estilos, pero mentres que outros públicos si que son satisfeitos: música galega, música melódica, música latina, rock, pop, jazz, blues, rap, hip-hop, os amantes da música clásica seguimos sendo afastados do programa das festas.

Pido, todos os amantes da música clásica pedimos, que o Concello de Pontevedra reconsidere a súa postura tendenciosa cara á música clásica, que nos respecte e nos deixe o noso espazo, que é unha "orquestra sinfónica". A xente que quere escoitar música galega ten múltiples ocasións para facelo durante o ano, en "cantos de taberna", a "aña urbana" e un gran número de eventos en rúas, prazas e espazos tanto no rural como no extrarradio e no rural pontevedrés. Supoño que para este ano non se pode trocar de repertorio xa, pero reconsideren a súa postura, fagan para o vindeiro ano un concerto de música clásica auténtico, non fagan da orquestra sinfónica un mero acompañante de grupos de danza tradicional. E para o concerto do día 1 de xaneiro (ao cal xa non vou desde que se converteu no que se converteu), outro do mesmo.

Creo que, de xeito trabucado (xa o escribín unha vez), cren que a música clásica é para xente conservadora. Trocaría de opinión se lesen algunha biografía de Beethoven ou de Wagner e se informasen. Richard Wagner estaba en busca e captura polas súas actividades anarquistas xunto ao mesmísimo Mijaíl Bakunin. Pontevedra é capital de provincia, guste ou non, e merece unha programación cultural acorde con este feito, máis alá de ideoloxías, e non ter unha programación de aldea.