A costureira de Monte Alto

12 de setembro 2025

O monumento da tertulia na praza da Cultura (antes S. Xosé) segue a roubarme o sono. Naquelas dúas cadeiras valeiras eu sentaría a dúas mulheres, dúas galegas universais, dúas Rosalías, uha poetisa e unha emprendedora

Ao pasar pola rúa Bieito Corbal de Pontevedra, nese tramo que malchaman a “milha de ouro”, atopamos unha xeira de tendas cos seus carteis luminosos acesos, todas relacionadas co campo da moda e todas propiedade do xigantesco emporio textil corunhés que todos asociamos a un potentado cidadán pero…e Rosalía…??

O monumento da tertulia na praza da Cultura (antes S. Xosé) segue a roubarme o sono. Naquelas dúas cadeiras valeiras eu sentaría a dúas mulheres, dúas galegas universais, dúas Rosalías, unha poetisa e unha emprendedora.

O populoso barrio de Monte Alto é, desde sempre, un viveiro de celebridades, unhas acadaron fama e renome e outras, como a nosa Rosalía, optaron pola discreción e, se callar, por iso pasaron case desapercibidas.

Rosalía convivía nunha casinha de 70 metros cadrados con unha ducia de persoas. Nacera no seo dunha modesta familia numerosa en pleno tempo da fame e con 11 anos tivo que deixar a escola para porse a trabalhar nunha tenda de roupa. Era moi espelida e axinha aprendeu os pormenores do oficio; coser, tratar coa xente do ramo e coa clientela, tamén rudimentos de contabilidade e comercio e aínda tivo tempo de mocear cun companheiro de trabalho co que casaría anos despois. Con el e os seus cunhados fundou unha pequena empresa, que había ser o xermolo da todopoderosa transnacional corunhesa.

Os anos 60 foron especialmente activos no mundo da moda. Por unha banda, a modista inglesa Mary Quant inventou a minisaia que constituiu unha revolución de tal calibre que a piques estivo de derrubar a Internacional Machista. Valentes mozas houberon de caminhar no medio dun bosque de improperios, caspa e babas ata que a cousa se normalizou. Por outro lado, e na Corunha, Rosalía creaba a bata boatiné e a demanda disparouse de forma esponencial. Todas as amas de casa querían a súa. A textura e colorido das fibras sintéticas imponhíase. As batas acolchadas vestían ben e axudaban ás senhoras a soportar as inclemencias dos invernos pois non abondaban as calefacións.

Moi logo, a pequena bóla de neve, acadou proporcións xigantescas e traspasou axinha os límites de Monte Alto para converterse nun complexo entramado económico transnacional.

Pero moi logo,Rosalía foi ampliamente traizoada. Máis tarde veu a lóxica separación e o conseguinte reparto de bens. El dedicou a súa parte o “bon vivant” e a engordar o emporio. Ela seguiu co coidado e educación dos seus fillos (el, con unha grave parálise cerebral) e, de talante progresista, creou fundacións a prol da cultura e axuda ós desfavorecidos e frecuentaba foros intelectuais diversos. Entrevistada por Iñaki Gabilondo, este díxolhe: “Dise que vostede é un tanto de esquerdas”, ela respondeu: “Vindo da emorme pobreza que eu venho, dificilmente se pode ser doutra maneira”.

Pero un mal día morreu. A súa filha Sandra dirixe a fundación Paidea e segue os pasos da súa nai no eido social.

E volvo por terceira (e derradeira vez) á Praza da Cultura, de San Xosé, dos músicos ou com lhe pete, onde o Monumento á Tertulia e veume a lembranza do artista Isaac Sucadas que, en certa ocasión sentase, nunha das cadeiras baleiras, unha Rosalía Castro de escaiola, comenemente vernizada para pasar por bronce. A idea pareceume unha marabilhosa idea; o da tertulia xa non era un monumento machista; xa non era un corro de gaitas: había unha mulher!

A cousa non estaba mal, pero estaría melhor se na outra cadeira sentase outra mulher. Pero…e as demais ? Acaso non reúnen méritos dabondo, ademais das Rosalías (poetisa e emprendedora) a pintora Maruja Mallo; e xa que vai de Marías a actriz de teatro María Casares; María Victoria Moreno, a extremenha máis galega; a heroína María Pita, Concepción Arenal ou Emilia Pardo Bazán ? Non sería factible; non hai cadeiras dabondo.

E digo eu: e por que non facer outro monumento con estas ou con outras donas galegas ? Xa volo digo eu: porque ninguén o demanda e porque estas ideas ténhense que se lhe ocorrer a algunha “celebrity” e non a min, un simple Balbino, coma quen di, un ninguén.

Hai casos en que non hai unha gran mulher detrás dun gran home pero si unha gran mulher eclipsada por un mediocre.