( Lembrando a D. Xosé Peón Peón )
Foi daquela que o cura acordou armar unha obra de teatro para as festas do lugar. Tras pasar un moi duro casting, o elenco foi completado e os ensaios comezaron xa. Primeiro celebrábanse unha vez por semana, logo dúas e en vésperas da estrea foron diarios.
A obra era unha adaptación da célebre Romeu e Julita de Chéspir, ó xeito da aldea de Mimá e parroquia do mesmo nome. Era unha versión moi libre do drama dos Montescos e os Capulhetos. Alá arriba, en Mimá, algúns Capulhetos había pero o que máis abondaba eran os Montescos, de feito todos eramos Montescos.
E chegou o día de San Chalán, o día da estrea, entre nervios, présas e retoques varios de última hora. O cura celebrou un caótico ensaio xeral. Dona Engracia, a catequista, ocupábase da maquillaxe, vestiario e axuda de dirección. A esceografía, tramoia, luces e demais chilindradas corrían
a cargo de Camilo, o carpinteiro, que era moi apanhado coas chapucinhas. Ó cura abondábalhe con ser o taumaturgo…(perdón; dramaturgo) director e apuntador. O melhor da representación eran os berros do cura entre bastidores cando se lhe atragoaba algún "actor”. Ás veces o "artista” bloqueábase (ficaba cos miolos en branco) e eran os espectadores os que adiantaban o texto a berros: "¡ Júrame tan solo que me mamas…!”. A ostia.
Cando eu cheguei só faltaba o derradeiro acto pero tanto me tinha porque de tanto asistir ós ensaios, xa tinha o texto memorizado. Retraseime un chisco porque fora botar a auga, pois non era cousa de perder a quenda, que estaba a terra queimada de semanas sen chover.
O salón de actos do colexio estouraba de xente. Alí estaba todo Mimá e parroquias vecinhas. Fura que te fura, logrei un sitio bastante aceptable alí nun recuncho. O balbordo era infernal; todo quisque bradaba por mor de facerse escoitar. Tras do pano, aló no fondo, soou unha campaínha e todo o mundo facía " chsss, chsss !” impondo silencio que parecían cafeteiras exprés. E nisto que o pano comezou a desplazarse de vagar.
No esceario estaban os dous "protas” do drama, Romeu e Julita. El era o Pingapouco do Lamazal e vestía uns "liotardos” apertadinhos, casaco de rechamantes cores, cinto escuro (do que penduraban espada, punhal e pistolón) Levaba unha perruca estilo Beat na testa e un requintado sombreiro cun plumacho de cores como remate. Tinha unha pinta así entre garda suízo do Papa e o capitán Mostachete. Atopábase sobre a escea tirando un pouco para a esquerda. Pola dereita e subida nunha sorte de balcón estaba ela; Julita, a neta do Escanillado cunha saia con merinhaque. Parecía un maio. Levaba un corpinho con volantíns todo cinguido, unha perruca loira encaracolada e, de remate, un florido e charramangueiro sombreiro. Parecía unha "señorita Escal-lata” da aldea. Estaba…ghuapa…? E comezou a función.
Romeu ( Pingapouco ), olhando, moi serio, cara a dama da baranda,faloulhe en perfecto "castellano”
ROMEU - Se me despresias a mi
porque soi higo de probe,
se porque no nasí noble
te bulras de mi así
me revolvo de tal jeito
i contra ti me rebelo
espetando este coitelo
en mi delorido peito.
JULITA - ¿! Que vas haser dighrasiado,
sinvreghuenza, malpocado !?
( dilhe a neta do Escanilhado
e Pingapouco contesta :)
ROMEU - Está clara mi protesta:
¡ matarme como una besta !
E espeta o coitelo nunha vexiga de vinho que levaba no sobaco e caeu debruzado nas táboas do esceario desangrándose coma un porco. E o pano baixou de vagar e a xente aplaudiu a rabear e vitoria-vitoria acabou a historia.
Longa vida ó Teatro ! Moita merda !