Sinfonía de insultos

18 de setembro 2025

José Enrique Abalo afirma que "a cidadanía non necesita líderes que se griten desde os escanos, senón políticos capaces de sentarse a dialogar e buscar mínimos comúns"

Nesta época onde o ruído domina o espazo público, as redes sociais, os medios de comunicación e a propia clase política converteron a confrontación en moeda corrente. Prémiase o titular escandaloso sobre a reflexión, o inmediato sobre o profundo, a descualificación sobre o debate sereno. Neste contexto, a sabedoría e a sensatez parecen un luxo do pasado. A política española logrou finalmente a sinfonía perfecta: unha orquestra onde cada músico, en lugar de tocar unha melodía, solta un exabrupto.

Esta situación non é nova; a historia ensinounos que "pan e circo" sempre foi unha ferramenta efectiva para distraer á cidadanía. Con todo, o que si é inédito é a velocidade e o alcance desta dinámica. Hoxe a tecnoloxía amplifica o fenómeno até extremos inéditos. Un rumor ou un insulto pode alcanzar millóns de pantallas en cuestión de minutos, grazas a algoritmos deseñados para maximizar a polémica e a polarización.

Non se trata só dun problema cultural, senón dunha cuestión de supervivencia democrática. Unha cidadanía incapaz de distinguir entre información rigorosa e manipulación está condenada a caer na trampa do populismo, na desinformación e na apatía.

No contexto español, esta dinámica resulta especialmente preocupante. A política, que debería ser a arte do consenso, converteuse nun espectáculo de loita libre. Este clima de confrontación constante erosiona a confianza cidadá nas institucións. É marabilloso ver como os tres partidos maioritarios —PSOE, PP e VOX—, tan diferentes e irreconciliables en todo o demais, uníronse nun só propósito: o do insulto. Son como tres solistas de reguetón competindo a ver quen mete a rima máis cutre.

O presidente do Goberno fala de "maquinaria do lodo" ou refírese á oposición como unha “mafia”, reforzando a idea de bloques irreconciliables. O líder do PP enfoca a súa estratexia en cuestionar a lexitimidade do Executivo e as súas acusacións de “indecente”, “corrupto” ou “traidor”, alimentan a idea de que o Goberno carece de lexitimidade.

E o de VOX… que dicir do líder de VOX. Non se complica a vida. Se os outros teñen un dicionario, el ten un martelo. Chama “psicópata” , “falsario” ou “chulo de putas” a quen se lle poña por diante, coma se estivese a chamar ao pan, pan e ao viño, viño. En fin, estupideces que non deixan espazo para o debate democrático nin para a procura de puntos en común.

Nun país no que a política cheira a fritanga requentada, o resultado é un clima asfixiante onde o diálogo parece imposible. O mellor de todo é que, mentres se tiran os pratos á cabeza, nós, os cidadáns, fartos de insultos podemos dedicarnos a asuntos máis importantes, como ver o último capítulo da nosa serie favorita de Netflix ou discutir sobre o ultimo partido da Champions League.

Pero renderse non é a opción, pois a polarización non se combate soa, esixe medidas claras e un compromiso real coa calidade democrática.

Para reverter esta situación, é urxente que todos os actores políticos e sociais asuman a súa responsabilidade. É preciso que os partidos establezan un código de conduta ético que desterre os ataques persoais ou as acusacións sen probas, así como a linguaxe que incita ao odio.

Ademais, urxe abrir comisións de traballo multipartidistas, para abordar as grandes cuestións de Estado. O obxectivo sería que estas comisións traballasen de forma discreta e técnica para alcanzar acordos básicos, en asuntos como: a educación, a sanidade, a xustiza, as pensións ou a inmigración, buscando puntos de encontro en lugar de novas diferenzas e co compromiso de todos os partidos a respectalos, independentemente de quen goberne. Si, xa sei que estou a pedir o imposible, pero sen desexos que seriamos?

A confrontación permanente pode ser rendible a curto prazo en termos electorais, pero é corrosiva para o conxunto do país. A cidadanía non necesita líderes que se griten desde os escanos, senón políticos capaces de sentarse a dialogar e buscar mínimos comúns. Os acordos, aínda que parciais, enviarían unha mensaxe poderosa de corresponsabilidade e madurez institucional.

Pedimos recuperar unha cultura política na que discrepar non signifique destruír e na que a pluralidade non se viva como ameaza, senón como a esencia mesma da democracia.

O reto non recae só nos partidos; tamén na cidadanía. Se seguimos premiando o superficial, a estupidez e o estridente, o ruído seguirá ocupando o centro do debate. Igual temos que aprender a rirnos deles e mostrar máis apatía e indiferencia. Se deixamos de facerlle caso ao espectáculo, o teatro acabarase, porque non haberá público. E entón, quizais, os políticos non terán máis remedio que volver ser aburridos e escoitar máis música Zen relaxante para reflexionar e elevar o nivel.