Tauromaquia: abolición xa! Ata cando a barbarie?

03 de agosto 2025

O historiador Xerardo Torrado Agulla rexeita que as corridas de touros sexan unha tradición española e galega. Sinala que nos séculos XVII e XVIII había máis corridas de touros en Inglaterra ata que foron prohibidas

Xa comezaron a circular nos medios as fotos da xente recollendo na taquilla do coso taurino para os eventos da tauromaquia que se van celebrar na cidade. Eu son do barrio de San Roque, polo tanto de preto da praza de touros, pero desde neno tiven unha gran aversión cara a este tipo de festexos, e co tempo foise consolidando esa oposición a unha festa que é unha manifestación carente na súa totalidade de empatía cos animais e de ética. Escribía Arthur Schopenhauer que quen é cruel cos animais non pode ser boa persoa, e non lle faltaba razón. Quen desfruta dun espectáculo tan violento, consistente na tortura e na morte dun animal, non pode ser de fiar; no seu interior hai un monstro. Dentro dese pai amable ou desa avoa entrañable, se desfruta con ese espectáculo, hai un ser con contradicións de carácter moral.

Falan de "tradición", pero, tal e como demostrou hai anos o intelectual e antropólogo bilbaíno Jesús Mosterín (falecido no 2017), isto é unha vulgar falacia. As corridas de touros non son unha tradición española (e menos galega); dicir que son unha tradición xa que se practicaban aquí desde séculos é unha sandez. Unha tradición é algo que define unha especificidade cultural; se é algo que se fai en todas as partes e non é específico, non é unha tradición. Se en toda España se tocase a gaita coas mesmas características da gaita galega, a gaita non sería unha tradición galega. Queda claro? Resulta que, seguindo o impecable argumento de Jesús Mosterín, nos séculos XVII e XVIII había máis corridas de touros en Inglaterra que en España, e tamén as había noutros países de Europa. Pero coa chegada das revolucións liberais, en Inglaterra e noutras nacións civilizadas, as corridas de touros foron prohibidas. E ao fin quedaron só en España, xa que era un país atrasado onde aquelas revolucións liberais apenas rabuñaran. A chamada "Pepa" do 1812, considerada moi radical para a época, foi unha constitución de curta vida, anulada polo felón Fernando VII, antepasado dun ao cal lle renden pleitesía en Sanxenxo cada vez que vén de visita, e dunha rapaza que lle fan o propio en Marín. España era (e é) un país que non se podía comparar coa Inglaterra onde xurdiría a Revolución Industrial, a Francia da Ilustración e a Alemaña do Sturm und Drang (Romanticismo), por iso quedou como unha illa onde perviviron as corridas de touros. De tradición nada, é máis ben un sinal de atraso.

En A árbore da ciencia de Pío Baroja, o protagonista, Andrés Hurtado, detestaba as corridas de touros ata o punto de desexar coller unha ametralladora e agardar a que a xente saíse da praza para disparar sobre ela. Supoño que foi un exercicio literario de Baroja, que non secundaría métodos tan violentos. Eu non lles dispararía balas aos protaurinos, dispárolles argumentos e preguntas para que reflexionen. Un dos argumentos máis manidos é que sen as touradas, as "Peregrina non son o mesmo". Hai unha identificación entre estes festexos e as corridas que hai xente que non pode entender uns sen as outras. As festas son anteriores á praza, que é de 1900; pode que antes houbese prazas de madeira, pero por outra banda, as festas eran acompañadas por xogos florais, ou sexa, certames literarios, que ao parecer ninguén bota hoxe de menos, pero si botarían as corridas. Isto é síntoma dalgo realmente preocupante. O argumento exposto máis arriba, defendido por Jesús Mosterín, desmonta todo argumento de que estamos ante unha "tradición". O que si era unha tradición, con implantación social no pobo galego e con aspectos específicos intrínsecos, era o do matarife, co seu chifre percorrendo os pobos e corredoiras, tradición que desapareceu para buscar alternativas menos dolorosas para os porcos. Pero o de prohibir as touradas, diversións de señoritos e da caterva de lamebotas, nanai.

Outro argumento moi manido é o de que hai que respectar os que van ver ese espectáculo, respecto que vén disfrazado de espírito dialogante e tolerancia. Eu teño dereito a non ir á praza a ver iso, e os taurinos teñen dereito a ir; todo quedaría aquí se non fose por un detalle: o touro que vai ser salvaxemente torturado tamén ten dereitos, e estes dereitos están recoñecidos con carácter internacional, aínda que non teña carácter vinculante. Habería que camiñar nesa dirección. Cando hai anos foi posta en referendo a Constitución europea, eu boteille un ollo ao texto e busquei nel a posibilidade do fin das corridas. Non atopei onde agarrarme, por iso, e por outras razóns, votei en contra da Constitución europea. Moitas festas, de carácter violento cos animais, foron prohibidas, pero as relativas aos touros semellan nun limbo. A razón é que os que tiraban a cabra do campanario eran catro paletos divertíndose, pero as corridas de touros era a festa dos señoritos e representan moitos intereses creados. Non che metas coas diversións e cos negocios do señorito. A pervivencia da tauromaquia en España é un síntoma de inmadurez. Haberá algún, deses que levan toda a semana atacándome nas redes, que dirá que moitos intelectuais como Ernest Hemingway ou Rafael Alberti mostraron interese pola tauromaquia; tamén houbo algúns, de talento intelectual superior a estes, que detestaban os touros, como o mencionado Pío Baroja, Miguel de Unamuno, Emilia Pardo Bazán e incluso García Lorca. Outro argumento é identificar a todos os antitaurinos cunha pandilla de hippies; de feito, o que máis me dixeron esta semana foi iso de "vaite a traballar". Eu a esta persoa, que non coñezo de nada, dígolle que entre os compromisos académicos como investigador, os proxectos con editoriais para novos libros meus, dando charlas e conferencias, coa música e traballando como amo de casa, non deixo de traballar. Tamén din iso de que se acaso non comemos carne; dáse a casualidade de que eu non como carne. Pero se estas persoas non distinguen entre o sacrificio para consumo e a tortura por diversión, é que teñen unha grave disfunción intelectual.

Eu irei, coma todos os anos, o sábado 9 de agosto, ás 20:30, á manifestación antitaurina. E animo a que vaia toda a xente que poida; é un exercicio de ética ante unha manifestación supina de barbarie, estulticia e un vestixio dunha sociedade pasada ignorante da cal hai que pasar páxina para entrar no século XXI da man desas nacións europeas civilizadas como a miña amada Austria, a miña patria, e Alemaña. Din que somos poucos, que hai máis xente na praza de touros, e bla-bla-bla. En realidade, a praza de touros cada vez custa máis enchela, a base de subvencións e de agasallo de entradas ás autoridades dos organismos que favorecen ese chute de cartos, que van ao palco e ás localidades máis privilexiadas. O resto da praza énchese cos cipaios destes caciques, todo moi hispano, todo moi atrasado, caduco e casposo. Ademais, non pode ser todo cousa de maiorías; nese caso a merda sería boa. Xa que as moscas son maioría, de feito crese que por cada humano no planeta hai 17 millóns de moscas. Non é cuestión de números, é cuestión de ética e de avance social. Por certo, segue habendo programas de tauromaquia na televisión pública, con toda seguridade debido á presenza de políticos do PP no Consello da RTVE, elixidos polo Senado. Tamén debemos preguntarnos se o alcalde de Pontevedra ten capacidade para rematar con este lamentable espectáculo na cidade para sempre (eu creo que si a ten) e sobre as razóns que o levan a manter un convenio cos propietarios do coso.

Por riba, todo este ambiente taurino vén acompañado das chamadas "peñas", mocidade ebria ouriñando nas esquinas do casco urbano, vandalismo, molestias para os veciños e un sobreesforzo para o persoal de limpeza municipal. Todo un cúmulo de comportamentos incívicos que delatan, unha vez máis, que estamos ante unha sociedade enferma.