Hai historias que non caben nunha maleta. Nin sequera nunha de cartón. Historias feitas de despedidas, de silencios, de cartas lidas arredor do lume e de nomes que cruzaron océanos sen esquecer nunca de onde viñan. Desa memoria colectiva nace Unha maleta de cartón, un documental que pon voz e rostro á emigración galega tomando como fío condutor a parroquia de Cerponzóns, en Pontevedra.
A orixe do proxecto é tan sinxela como contemporánea: hai seis anos, un grupo de WhatsApp comezou a conectar veciños, fillos, netas e bisnetos daqueles que un día tiveron que marchar. A través das pantallas empezaron a viaxar fotografías, vídeos, novas das festas, imaxes da igrexa e da súa contorna, dos camiños, do día a día da parroquia. Pero, sobre todo, empezaron a compartirse emocións: a morriña, a pertenza, a identidade.
Daquela conexión humana xorde este documental, no que os verdadeiros protagonistas son os emigrantes e os seus descendentes. Homes e mulleres que marcharon a Arxentina, Venezuela, Uruguai, Brasil, Australia, Francia, Suiza...; e tamén aqueles que medraron lonxe, pero coa palabra “Cerponzóns” gravada na memoria familiar.
Unha maleta de cartón é un relato coral no que se fala sen filtros do adeus, das razóns para marchar, dos primeiros días nun país descoñecido, do traballo duro e do sacrificio. Pero tamén da esperanza, da solidariedade e da forza coa que a comunidade galega soubo reconstruírse lonxe da casa.
O documental lembra que a emigración non foi unha elección libre, senón unha necesidade. A Galicia do século XIX e comezos do XX estaba marcada pola fame, polas leiras pequenas, pola falta de oportunidades e polo atraso nas comunicacións. Marchar era, para moitos, a única saída. E aquel adeus non era unha viaxe, senón unha ruptura vital.
Se xa vistes o spot titulado “Cerponzóns, onde a historia segue viva”, hai unha música que acompaña o vídeo. A melodía de fondo é unha composición de Enrique Alvite, creada expresamente para acompañar a fermosa e emotiva letra do tema que imos a escoitar no documental.
Unha música que non só acompaña as imaxes, senón que axuda a sentir o que o spot quere transmitir: a memoria, a emoción e a historia viva dunha parroquia que segue a latexar a través do tempo.
Será un dos momentos máis emotivos do documental coa canción Para eles, actúa como fío emocional da obra. A través da súa voz, represéntase o baleiro que deixou a emigración en tantas casas galegas, pero tamén a memoria que nunca se extinguiu.
A canción “Para eles”, composta por Enrique Alvite, condensa en cada verso esa dor fonda e ese amor inquebrantable pola aldea, pola familia e polas raíces.
A voz dun neno que non entende o que significa emigrar convértese na voz de toda unha Galicia que viu partir aos seus fillos e fillas.
O lume da lareira —símbolo do fogar, da calor e da unión familiar— apágase cando chega a noticia da partida. Esa lareira fría representa o baleiro que deixou a emigración en tantas casas galegas, pero tamén a memoria que segue viva en quen ficou e en quen marchou.
“Para eles” é unha homenaxe a todos os que se viron obrigados a marchar, pero tamén un canto de gratitude e lembranza para quen quedou mantendo acesa a identidade e a esperanza.
É unha canción sobre a perda e o retorno, sobre a nostalxia e o amor á terra, sobre esa forza invisible que une xeracións a través do tempo e do océano.
Con este documental queremos darlles voz e rostro a esas historias, ás emocións que non caben nas maletas, aos recordos que cruzaron o océano xunto a quen marchou e que nunca deixaron de pertencer a esta terra. Queremos traer de volta esas palabras non ditas, esas ausencias sentidas, esa morriña que se herdou de xeración en xeración.
Unha maleta de cartón é un acto de xustiza coa memoria, un abrazo tardío a quen tivo que marchar sen saber se volvería, e un agradecemento sincero a quen mantivo viva a identidade desde a distancia. Porque mentres haxa alguén que pronuncie o nome de Cerponzóns con emoción, a emigración non será só unha ferida do pasado, senón tamén unha lección de humanidade, resistencia e amor pola terra.
Por eles. Para eles. E para que nunca se esqueza.
Juan José Esperón
Secretario da AVV. O Chedeiro