Era barrio obreiro de xente humilde co chan de terra que na invernia enchoupábase e había que ir sorteando as fochancas de auga. Recordo un Punto de Luz, un poste de eucalipto no que penduraba unha cazoleta cunha bombilla que nos atraía como as avelaiñas a carón da súa luz nos curtos días de inverno.
Recordo que non había árbores nos que, nos días do verán, atopar sombra. Os paxaros tiñan que facer os seus niños nos tellados que na invernia fumegaban coas cociñas de ferro. Recordo o tren a pasar a carón do barrio que traía o futuro e nós agardabámolo asomados na ponte de pedra ata que o fume da cheminea botábanos dalí. Recordo ir apañar nos raíles da vía o carbón para quentar as casas coa friaxe.
Recordo a tenda de mercar ao fiado e outra que tamén facía de estanco, dúas tabernas, un hostal, unha perruquería, unha carpintería e varios zapateiros. Recordo que o barrio era fronteira. Unha caseta de arbitrios cobraba o peaxe por ir vender o leite e produtos do campo á cidade. Recordo unha televisión en branco e negro para todo o barrio e un teléfono; a rúa era o noso patio de xogos.
Recordo que moitos veciños tiñan que vender o seu sangue para poder dar de comer á familia e sobrevivir nos tempos do pan de figo e sabañóns. Recordo carrexar as pólas das árbores nunha nube de po do río dos Gafos que tamén era a nosa despensa para facer os Maios.
Recordo un portal dunha empresa de mudanzas no que iamos a ver obras de teatro e os titiriteiros e un quiosco onde as bombas eran de crema. Recordo os nosos vellos cunha cunca de viño apoiados nun barril que facía de mesa no Enchufe vindo pasar naquela pasarela de terra unha muller cos vestidos máis rechamantes que quería ser princesa sendo filósofa e emperatriz e as mulleres dicían ao pasar: "Pobriña da tola".
Recordo que o único monumento que tiñamos era un cruceiro, lugar de reunións dos veciños, e un muíño de vento que nos días da calor no verán xurdía de auga aos veciños. Recordo nos dourados días de infancia todos coa cabeza rapada para que non aniñasen os piollos e as nosas nais coa permanente para que non lle voase o peiteado.
Recordo prados onde colliamos grilos cunha palliña e toupeiras e as nosas nais puñan a roupa a clarexar e apañar as herbas polo San Xoán. Recordo nas beiras do Gafos que era o río do barrio gatuñar polas árbores a ollar os niños dos paxaros e bañarnos nas pozas e disputarlle as cereixas aos merlos.
Recordo que a única árbore froiteira do barrio era un ameixeiro que daba uns froitos roxos; as pólas daban á rúa e caían e apañabámolas. Recordo moreas de adoquíns esperando a remodelación da rúa e nós utilizabámolos de porterías.
Recordo as leiteiras desfilar pola rúa de terra facendo equilibrios con dous caldeiros de leite nas mans e un na cabeza; ao seu carón pasaba un zapateiro que soñaba ser toureiro cos apeos de traballo nunha caixa de madeira; máis atrás, un músico da Banda Municipal co clarinete nun maletín.
Recordo cando chegaba ao barrio un home cunhas bolsas de coiro que viña da Alcarria vender o mel; un asubío avisábanos da chegada do afiador e cando chegaba a invernia e nos montes agromaban os acivros e cogomelos chegaba outro personaxe entrañable, o aguardenteiro.
Recordo o meu vello barrio, agora renovado e moderno, a Virxe do Camiño. Daquela era o noso mundo e non queríamos saber doutro e cando saíamos del coa roupa de estrea do Domingo de Ramos parecíanos estar no estranxeiro.
Recordo con tristura aos pioneiros e pioneiras que fixeron grande o barrio, que xa non están entre nós; tampouco están os estorniños que cos seus debuxos efémeros no ceo, alegráronnos a nosa infancia de barrio, con recendo a camelia, a mentrasto e a melancolía, que é a poesía dos pobres.
Recordo que escribo do barrio para cando o tempo nos deixe sen memoria e o vento leve os recordos.