O programa municipal "Aprender a nadar" chega este ano ao CEIP de Tenorio, sumándose así aos colexios San Xoán Bautista de Cerdedo e CEIP de Carballedo, que xa participaron na anterior edición.
O alcalde Jorge Cubela mantivo un encontro cos directores dos tres centros educativos de Infantil e Primaria do Concello para establecer o acordo de colaboración para levar a cabo a actividade.
A iniciativa, integramente financiada polo Concello de Cerdedo-Cotobade, permitirá que 140 estudantes de educación infantil e primaria reciban formación en natación durante catro xornadas nas instalacións de Rías do Sur, en Pontevedra.
O alcalde Jorge Cubela destaca a dobre finalidade do programa: a formación deportiva e o fomento do lecer acuático entre os máis pequenos do municipio.
"É unha actividade que lles permitirá desfrutar con seguridade das nosas praias fluviais, todas elas cualificadas como excelentes pola Xunta de Galicia", sinalou o rexedor.
A inversión municipal de 5.400 euros garante a gratuidade desta actividade formativa.
Esta proposta vai desenvolverse por segundo ano consecutivo e forma parte das iniciativas do Concello destinadas á mocidade do municipio.