Un total de 20 colectivos sociais e culturais de Pontevedra e 45 persoeiros a título individual procedentes do mundo da cultura, da arte, do pensamento e da educación apoiaron coa súa sinatura un manifesto da plataforma Touradas fóra de Pontevedra para pedir a abolición das touradas na cidade do Lérez "e en calquera outra parte" e apelar ás diferentes administracións para que asuman unha posición abolicionista activa.
Vicky Estévez en representación de Touradas fóra de Pontevedra e o debuxante Kiko Dasilva en nome dos asinantes presentaron o manifesto este venres na Casa das Campás para tentar botar abaixo "os argumentos que tratan de defendelas como algo cultural ou artístico" e xa anunciaron que nos vindeiros días darán a coñecer a campaña de reivindicacións que porán en marcha este verán e que terán como colofón unha manifestación o sábado 13 de agosto.
"Cómpre dicir alto e claro que o cruel espectáculo e negocio das touradas non se pode tentar lexitimar apelando unha e outra vez, sen pasar pola peneira da crítica ética, ao feito de ser unha suposta tradición cultural e unha manifestación artística a preservar", manteñen os asinantes e, para darlle forza a este argumento, Kiko Dasilva botou man de dous nomes recoñecidos no mundo cultural, Castelao e o pintor Francisco de Goya.
De Castelao recordou Kiko Dasilva que nos debuxos do album Nós recuperados recentemente no Museo de Pontevedra figura un orixinal que representa a dúas persoas maiores presenciando unha tourada e un deles di: "Lástima de bois". De Goya asegurou que os seus cadros nos que representa a tauromaquia houbo moitas veces unha mala interpretación, pois consideraron estas obras como unha defensa das touradas cando, en realidade, "está considerado un dos primeiros abolicionistas".
O manifesto tamén quere reivindicar que no caso de Galicia "carece de sentido defender as touradas como unha tradición que fai parte do entramado cultural", pois son anecdóticas as referencias a espectáculos de tauromaquia antes de finais do século XIX en Galiza. Ao contrario, sosteñen que un intelectual galego da Ilustración como Martiño Sarmento sinalaba no século XVIII que "no noso país as touradas non tiñan o máis mínimo predicamento popular".
De todas as maneiras, sosteñen que aínda que efectivamente as touradas fixesen parte da tradición cultural, "isto non as libraría de seren sometidas ao filtro da ética", posto que as tradicións non se poden defender en base, simplemente, ao feito de seren algo tradicional, algo repetido no tempo. "Podemos ollar cara outro lado perante unha actividade baseada na crueldade máis gratuíta contra un animal porque esta sexa unha tradición? Consideramos que non", sostén o manifesto.