23X | A chegada da tarde modera a participación, que en Pontevedra aínda supera a 2019

Pontevedra
23 de xullo 2023

Parece que os pontevedreses tiñamos présa por votar, a medida que foi avanzando a xornada, fómonos moderando. O segundo avance de participación, que o Ministerio do Interior publicou ás seis da tarde, segue aínda así reflectindo máis votantes que en 2019

Xente votando en Pontevedra nas eleccións xerais do 23X Cristina Saiz

Parece que os pontevedreses tiñamos présa por votar, a medida que foi avanzando a xornada, fómonos moderando. O segundo avance de participación, que o Ministerio do Interior publicou ás seis da tarde, segue aínda así reflectindo máis votantes que en 2019.

Iso si, o aumento non é tan acusado como mostraba o voto matinal. A esta hora, na provincia de Pontevedra votaron 441.971 persoas, é dicir, o 57,43% do censo.

Este nivel está un 2,58% por encima das eleccións xerais de novembro de 2019, nas que ás seis da tarde votara un 54,85% dos electores con dereito ao voto.

Na cidade de Pontevedra seguimos por encima da media da provincia. Ata as seis da tarde rexístrase unha participación do 57,94%, tras pasar polos colexios electorais un total de 38.551 cidadáns e cidadás. É un 3,19% máis que hai catro anos.

Esta tendencia ao incremento da participación rexístrase tamén en toda Galicia, onde un 55,96% dos votantes, 1.239.543 persoas, pasaron xa polas urnas. É un 2,70% máis.

Con todo, no conxunto do Estado cambian os datos e xa hai menos votantes que nas últimas eleccións xerais. Polo menos, ata este momento. 

Un total de 18.660.325 españois e españolas votaron este 23J, o que se traduce nun 53,12% do censo total de electores. Son case catro puntos menos que en 2019, concretamente un 3,73%. Naquel momento votara un 56,85% das persoas rexistradas no censo.

Galicia é a comunidade onde máis creceu a participación, seguida de Estremadura, Baleares, Cantabria, Canarias e Asturias. No resto de rexións, os datos reflicten descenso, especialmente acusado en Cataluña, Madrid, País Vasco ou Aragón.

Estes datos inclúen tan só a participación da xente que votou presencialmente en urna, xa que o relativo ao voto por correo sumarase ao final da xornada.