240.000 euros para urbanizar a rúa José del Río

Marín
25 de abril 2015

O Concello de Marín solicitou a colaboración da Deputación dentro do seu plan de investimentos para que asuma o 50% do custo da obra

Proxecto de urbanización da rúa Alcalde José del Río en Marín Concello de Marín

O goberno local de Marín avanza na tramitación para poder reformar e urbanizar o primeiro tramo da rúa José del Río.

Por ese motivo o Concello solicitou a adhesión do proxecto ao plan de investimentos da Deputación para que asuma o 50% dos 240.584,40 euros que custarán os traballos.

Tátase dunha obra que se estenderá dende a esquina con rúa da Ponte ata Ponte Zapal, no tramo máis urbano desta rúa, que se encontra na actualidade edificado case na súa totalidade pero que conta coas beirarrúas en mal estado e cun aspecto degradado.

O proxecto inclúe a modificación da rede de rede de sumidoiros, xa que nestes momentos as verteduras de augas residuais son recollidas por un colector que discorre polo leito do río Lameira.

Contémplase ademais o cambio dos materiais de pavimentación e completar a beirarrúa dos números impares cunha pasarela peonil, ademais do remate da beirarrúa con Ponte Zapal.

A actuación deberá contar coas autorizacións de Augas de Galicia, Deputación e Patrimonio polos elementos catalogados que figuran no seu ámbito.