25N | A loita contra a violencia machista comeza nos colexios

Pontevedra
25 de novembro 2021

Como non podía ser doutra maneira, os centros educativos de Pontevedra sumáronse este 25N aos actos reivindicativos que se están realizando en toda a comarca polo día internacional pola eliminación da violencia contra a muller

Acto do 25N no IES de Poio IES de Poio

Como non podía ser doutra maneira, os centros educativos de Pontevedra sumáronse este 25N aos actos reivindicativos que se están realizando en toda a comarca polo día internacional pola eliminación da violencia contra a muller.

PontevedraViva reúne nesta información o material gráfico remitido polos colexios

COLEXIO DOROTEAS (PONTEVEDRA)

"Contra a violencia de xénero, aplica a fórmula" foi a campaña impulsada no colexio Doroteas, utilizando diferentes fórmulas químicas para denunciar situacións nas que se producen todo tipo de violencias machistas.

Fixérono mediante unha serie de carteis, protagonizados por alumnos e alumnas do colexio e as súas profesoras, que buscan sensibilizar á comunidade educativa sobre esta lacra.

CRA PLURILINGÜE DE VILABOA

A instalación artística "Sempre vivas" foi a elección do colexio plurilingüe Consolo González Martínez de Vilaboa para conmemorar este 25N, tomando como inspiración a obra "Zapatos Vermellos" da arquitecta e artista visual mexicana Elina Chauvet.

O alumnado, tras analizar o conto infantil Daniela Pirata e identificar condutas negativas e violentas que sofren as mulleres, achegou un zapato da muller máis importante na súa vida que pintaron de vermello e no que plantaron exemplares de semprevivas.

IES DE POIO

O instituto de Poio tamén dixo basta contra a violencia machista. Alumnado, profesorado e persoal non docente do centro leron o manifesto elaborado polo grupo Sementes de liberdade, a asemblea feminista-LGTB do instituto.

A mensaxe quixo poñer o foco en todas as formas de violencia machista máis alá da física, que supón só a punta do iceberg. "É preciso visibilizar todos os comportamentos que se atopan nesa base que sustenta as violencias machistas que marcan o noso día a día", indicaron.

No centro tamén se realizaron diversas accións como murais sobre o estereotipos de xénero elaborados polo alumnado de Igualdade de Xénero de primeiro da ESO, un iceberg da violencia machista en varias linguas ou carteis informativos sobre os mitos da violencia machista que preparou o alumnado de Coeducación de primeiro de Bacharelato.