25N | Sanxenxo reclama combater a violencia machista "con seriedade e rotundidade"

Sanxenxo
25 de novembro 2020

Sanxenxo sumouse este 25 de novembro á conmemoración do Día Internacional da Eliminación das Violencias ás Mulleres. Foi cunha concentración que se celebrou, coas medidas de seguridade pertinentes pola covid-19, diante da casa consistorial

Concentración en Sanxenxo polo 25N
Concentración en Sanxenxo polo 25N / Concello de Sanxenxo

Sanxenxo sumouse este 25 de novembro á conmemoración do Día Internacional da Eliminación das Violencias ás Mulleres. Foi cunha concentración que se celebrou, coas medidas de seguridade pertinentes pola covid-19, diante da casa consistorial.

Alí, Telmo Martín como alcalde leu o manifesto aprobado na vila na que se referendou o compromiso municipal contra esta lacra social e se rexeitou "todo tipo de acción" que discrimine a unha muller polo mero feito de selo.

A violencia de xénero e as violencias machistas son "graves problemas sociais", continuou o documento, que deben de ser abordados "con seriedade e rotundidade" e dun xeito "coordinado e unido" entre todas as administracións e mesmo a sociedade en xeral.

"É unha lacra social de relevancia absoluta, enraizada non máis profundo da nosa sociedade e detrás da que se esconden mulleres vítimas de tódalas idades, etnias, relixións e clases sociais", destacou Martín na súa intervención.

Con todo, recordou que "queda moito por facer" e subliñou que a situación actual da covid-19 creou un novo escenario que "dificulta aínda máis" a situación das mulleres que sofren violencia de xénero, "literalmente atrapadas co seu maltratador" e socialmente illadas.

Para elas, o alcalde sinalou que Sanxenxo conta cun Centro de Información ás Mulleres no que traballan sen descanso para atender a todas as mulleres que sofren discriminación ou que padezan a violencia de xénero "nas súas relacións presentes ou pasadas".

Dende o Concello de Sanxenxo, como institución, engadiu Telmo Martín, "seguiremos traballando día a día na loita contra as violencias machistas", promovendo a igualdade efectiva e real entre homes e mulleres para acadar o mellor benestar social da veciñanza.