A Operación Centinela Gallego 20 comeza este sábado 15 coa intervención, como en anos anteriores, das Forzas Armadas na Campaña Contraincendios en toda a comunidade. O xefe da Brigada "Galicia" VII (BRILAT), xeneral de Brigada Luis Cortés Delgado, será o encargado de exercer o control das forzas militares participantes neste operativo.
A campaña durará ata o 30 de setembro. Durante este mes e medio, 27 patrullas (o mesmo número de dotacións que en 2019) que poden ampliarse en función do nivel de esforzo que sexa necesario, despregaranse por Galicia.
A Brilat destina 22 patrullas a este traballo de vixilancia polos montes. A elas súmanse outras cinco patrullas que pertencen ao Terzo Norte de Infanteria de Mariña, con sede no municipio de Ferrol. A súa tarefa será de carácter preventivo coa posibilidade de intervir ante un risco inminente. O habitual é que ao detectar algunha incidencia alerten á rede de transmisións da Xunta de Galicia para que interveñan os servizos de extinción de incendios forestais.
Este venres, o conselleiro de Medio Rural José González Vázquez e o xeneral Xefe da Brilat, Luís Cortés Delgado, presentarán esta campaña na sala 'Sampaio' da Base 'General Morillo'. A campaña 'Centinela Gallego' é produto do convenio de colaboración subscrito no ano 2007 entre o Ministerio de Defensa e a Xunta de Galicia.