28 asociacións de pacientes tratan coa xerencia a calidade e humanización do Novo Montecelo

Pontevedra
04 de decembro 2025
Actualizado: 17:50

O Consello Asesor de Pacientes da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés mantivo un encontro para tratar o seguemento de cuestións organizativas e asistenciais na Atención Primaria e Hospitalaria

Representantes do Consello Asesor de Pacientes e da Xerencia da Área Sanitaria Área sanitaria de Pontevedra-O Salnés

A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés celebrou este xoves unha nova xuntanza do seu Consello Asesor de Pacientes no Hospital Provincial.

Este encontro, que congregou a 28 asociacións de doentes, tivo como obxectivo principal mellorar a calidade asistencial, analizar iniciativas de humanización e realizar un seguimento do proxecto construtivo do Novo Hospital Montecelo.

A sesión, presidida polo xerente da Área Sanitaria, Jose Flores Arias, abordou diversas cuestións cruciais para o futuro da atención na comarca.

Entre os puntos máis salientables, confirmouse a incorporación de dúas novas entidades ao Consello: Pontecorazón, que agrupa a persoas con enfermidades cardíacas, e ASOTRAME, asociación de transplantados de medula ósea e enfermidades oncohematolóxicas. 

Durante a xuntanza, os asistentes realizaron un seguimento detallado de cuestións do día a día tanto organizativas como asistenciais no ámbito da Atención Primaria e da Hospitalaria.

Ademais, presentouse por parte da xerencia un resumo actualizado sobre a evolución e as previsións do proxecto construtivo do Novo Hospital Montecelo, infraestrutura fundamental para modernizar os servizos sanitarios nos vindeiros anos.

Tamén se puxo o foco en iniciativas de humanización, novas acreditacións e certificacións de calidade na área de saúde, os recentes premios e recoñecementos á asistencia, e a futura implantación de servizos dixitais.

Os responsables das diversas asociacións de pacientes tiveron un papel activo, achegando propostas concretas para mellorar a coordinación co Sistema Sanitario Público.

Reunión da Xerencia co Consello Asesor de Pacientes da Área SanitariaÁrea sanitaria de Pontevedra-O Salnés

As achegas centráronse na formación, a divulgación e a optimización da Atención Primaria e Hospitalaria, así como nas futuras opcións de mellora que abrirá o Novo Hospital Montecelo unha vez rematado.

O Consello Asesor de Pacientes, constituído no ano 2019, é un órgano colexiado de carácter consultivo cuxa finalidade é mellorar a calidade da asistencia sanitaria a través da percepción directa dos pacientes.