28M | "Xerar riqueza, benestar e calidade de vida", a aposta de Gregorio Agís para ser alcalde de Poio

Poio
12 de maio 2023

O candidato do PSOE presentou iniciou este venres a súa campaña electoral cun acto no Parque da Memoria da Seca

Acto de inicio de campaña de Gregorio Agís en Poio PSdeG-PSOE

O Parque da Memoria, na Seca (San Xoán), acolleu na tarde deste venres o pistoletazo de saída á campaña electoral e a candidatura do socialista Gregorio Agís ao Concello de Poio.

Baixo o lema “O que funciona”, arroupado pola presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, polos seus compañeiros e compañeiras de candidatura, así como por numerosos simpatizantes, Gregorio Agís quixo poñer en valor a ilusión, a experiencia e o coñecemento da Administración do seu equipo, capaz de liderar os grandes proxectos levados a cabo dende o Concello.

A achega de máis de 12 millóns de euros procedentes dos Fondos Europeos e a solución a problemas históricos da vila como a EDAR, o polígono de  Fragamoreira, as novas sendas e os núcleos tradicionais que transformaron e humanizaron Poio son algúns dos moitos proxectos acadados neste mandato como concelleiros.

“Temos un equipo moi preparado, que conta cun gran coñecemento das áreas que deben desenvolver”, recalcou o Agís, que destaca que a candidatura socialista “nace do diálogo e o entendemento, de escoitar á xente, integrar equipos e tomar decisións para liderar o Concello”.

“Este é o Poio que funciona, o Poio que queremos e polo que traballamos neste últimos catro anos e polo que imos seguir traballando”, engade.

Cunha candidatura transversal, na que o traballo en equipo é clave para decidir a folla de ruta, Gregorio Agís mantén a súa aposta pola colaboración coas diferentes institucións para lograr o Poio do futuro que toda a veciñanza merece. “Queremos un Goberno no que caibamos todos, aberto, sen distincións por mor das ideoloxías, onde a cidadanía sexa partícipe nas decisións do día a día”, subliñou Gregorio Agís.

“Poio ten evolucionado pero necesita un pulo, ir máis alá, un proxecto ambicioso con liderazgo que permita transformar o noso municipio”, insiste o candidato socialista, que entende que a liña de traballo da súa candidatura ten “unha perspectiva de futuro, co obxectivo de xerar riqueza, xerar benestar e calidade de vida”, poñendo en valor os moitos recursos cos que conta o concello.

O desenvolvemento económico, comercial e sobre todo humano, co incalculable talento dos emprendedores, é tamén clave para a candidatura que lidera  Gregorio Agís, que reitera que dende o Concello acompañarase e axudarase para que os proxectos e as ideas se convertan en realidades. “É importante optimizar os recursos humanos e a xestión municipal para que a atención aos cidadáns sexa máis eficaz, rigorosa e áxil”, reitera.