A Festa do Mar de Combarro vive este fin de semana un dos seus momentos álxidos coa celebración do Encontro de Embarcacións Tradicionais, organizado polo Club Mariño A Reiboa.
A cita mariñeira reunirá ata o domingo a preto de corenta participantes chegados de distintos puntos da provincia.
As embarcacións tradicionais xa comparten protagonismo co resto da programación desde esta venres, coa celebración dunha navegación libre pola ría.
O sábado, a xornada comezará ás 10.30 horas cun pasamares acompañado polas pandereteiras da Armadiña e do Ronsel, seguido da regata a remo ás 13.00 horas.
A tarde do sábado estará marcada pola XXIV Regata da Pamplina e a IV proba puntuable Copa Morling.
O domingo, as tripulacións participarán nunha navegación especial ata a illa de Tambo, con ruta guiada en colaboración coa Irmandade Illa de Tambo, antes de pechar o encontro cunha navegación libre pola ría como despedida.
ACTUACIÓNS MUSICAIS
Despois da actuación de Miss Caffeína na Praza da Chousa este venres chegará o momento da Gala do Mar, durante a xornada do sábado, cos directos de Natalia e Coti.
A primeira xornada xa demostrou a diversidade da proposta musical: os Piñeiriños conquistaron aos máis pequenos, La Historia de La Verbena da Ocaband satisfixo aos amantes das orquestras e o Grupo América fixo vibrar aos seguidores do rock.
A Mostra da Canción Mariñeira suma outro aliciente cultural coa participación este venres das agrupacións Son das Corbaceiras, Adelaida e Os Chispas do Lérez, mentres que o domingo actuarán Pontis Veteris e As Abeleiras.