60 colectivos esixen "eucalipto cero, como en Europa"

Pontevedra
21 de marzo 2017

Un total de 60 colectivos alertan de que Galicia xa dobra a Portugal na intensidade da expansión do eucalipto, pois esta especie invasora australiana esténdese polo 17 % do  territorio galego, mentres que no país veciño non alcanza o 9 %

Troncos de eucaliptos Dorfun

Un total de 60 colectivos alertan de que Galicia xa dobra a Portugal na intensidade da expansión do eucalipto, pois esta especie invasora australiana esténdese polo 17% do territorio galego, mentres que no país veciño non alcanza o 9%.

Apuntan que o medio millón de hectáreas ocupadas "fan precisa dunha reacción por parte da cidadanía galega e por suposto, tamén da Xunta". 

Estes colectivos sinalan que a expansión do eucalipto vese favorecida por un "modelo de explotación do monte intensamente forestalista", que aposta pola produción de madeira con pouco valor engadido, e acusa á "continua presión do lobby pasteiro-enerxético" para ocupar con novas especies como o Eucaliptus nitens áreas anteriormente vetadas ao Eucaliptus globulus.

Os ecoloxistas temen que a recente desregulación do sector da biomasa "vai ter un efecto chamada sobre os plantíos para queimar". Din que o obxectivo do "sector pasteiro-enerxético encabezado por ENCE" é estender o seu modelo de xeración eléctrica baseado nas grandes centrais térmicas de 50, 100MW, mediante os cultivos enerxéticos "plantar-queimar-plantar". Isto xa está a provocar unha "nova vaga eucaliptizadora no país", denuncian.

Nunha rolda de prensa celebrada este martes en Pontevedra os representantes destes colectivos explicaron que as consecuencias destas políticas sobre o agro, o monte e a sociedade galega son "catastróficas", e citaron, entre outras, a perda de soberanía alimentar, o abandono do medio rural ou a reconversión das iniciativas produtivas vencelladas á terra en absentismo urbanita con rentistas do eucalipto desconectados do territorio.

No eido ambiental e patrimonial, engaden, dáse empobrecemento da biodiversidade, perda de fertilidade, aumento da erosión, escaseza de auga, maior intensidade dos lumes forestais ou perda do patrimonio arqueolóxico.

Para tentar reverter esta situación, os colectivos integrados na iniciativa "Cousa de Raíces" reclaman ás administración a adopción con carácter urxente das seguintes 6 medidas: 

  1. Moratoria para novos plantíos de eucalipto.
  2. Prohibición do eucalipto nitens. 
  3. Freo aos cultivos enerxéticos no novo Plano Forestal.
  4. Cumprimento estrito da lexislación para impedir a forestación de terras agrarias e os plantíos sobre hábitats de interese.
  5. Establecemento dunha fiscalidade "verde" para o eucalipto. 
  6. Promoción dos aproveitamentos sustentábeis e da conservación dos bosques naturais.