610.000 euros provinciais irán destinados á mellora da estrada entre Seixo e San Tomé de Piñeiro

Marín
21 de febreiro 2025
Actualizado: 16:14

Luis López, presidente da Deputación, anunciou que se realizarán as obras nun tramo de dous quilómetros con reposición de firme nesa estrada EP-1202 no municipio de Marín, ademais doutros investimentos para crear emprego na provincia

Xunta de Goberno da Deputación Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra aprobou este venres destinar 610.000 euros ao proxecto de reforma da estrada EP-1202, en Marín.

Trátase de obras de mellora da seguridade viaria nesa estrada que une as parroquias de Seixo e San Tomé de Piñeiro.

Actuarase nun tramo de máis de 2 quilómetros mediante a reposición do firme, a mellora da drenaxe lonxitudinal, reposición da sinalización vertical e horizontal, entre outras melloras. A duración dos traballos será de tres meses.

Luis López, presidente provincial, indicou que a intención e mellorar a seguridade viaria nas estradas provinciais.

Esta semana, a Deputación de Pontevedra aprobou tamén investimentos de 1,2 millóns de euros, do Plan +Provinciaque beneficiará aos concellos de Caldas de Reis, A Lama, Meis, Catoira, Lalín, Arbo e Mondariz-Balneario.

O presidente provincial, Luis López, destacou a importancia deste plan, que xa distribuíu 7 millóns de euros no presente ano: "Avanzamos, unha semana máis, no reparto dos fondos do +Provincia, o plan de obras e servizos de competencia municipal máis ambicioso da historia da Deputación".

No marco da liña 3 do Plan +Provincia, destinada á creación de emprego, a Xunta de Goberno da Deputación aprobou 850.000 euros para que seis concellos poidan contratar a 56 persoas desempregadas. Entre os beneficiarios destacan:

  • Caldas de Reis: recibirá 152.219 euros para contratar a 7 traballadores, entre eles peóns de obra pública, peóns de limpeza, un oficial de 1ª albanel, un condutor maquinista e un enxeñeiro forestal.

  • A Lama: contará con 112.635 euros para contratar a 9 persoas, entre peóns forestais, operarios de movemento de terras, un peón operario de limpeza e un auxiliar administrativo.

  • Meis: destinará 106.752 euros á contratación de 7 traballadores, incluíndo peóns de obras públicas, un fontaneiro, un albanel, un electricista e un pintor.

Ademais, a Deputación vai achegar 385.000 euros para a instalación de sistemas de xeotermia en edificios municipais de A Cañiza e A Illa de Arousa.

Na Illa de Arousa, as actuacións, cun orzamento de 170.000 euros, centraranse no centro sociocultural do complexo das Casas Modernistas. Instalarase unha bomba de calor xeotérmica para a calefacción e a refrixeración, así como unha rede de distribución térmica.

Trátase de actuacións están enmarcadas no programa de axudas para proxectos singulares de enerxía limpa en municipios de reto demográfico (Programa DUS 5000).

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora